A primeira ruta deste pasado domingo no Galiñeiro desbordou todas as expectativas de participación con máis de 200 persoas entre familias, parellas e deportistas individuais. E o vindeiro 27 de setembro as persoas amantes da natureza terán a oportunidade de realizar unha nova actividade de orientación da man de ‘Vive Deporte’, a iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra pon en valor as actividades deportivas sustentables.
A institución provincial abriu este luns o prazo de inscrición da segunda destas rutas ‘Depo Orienta’, que se desenvolverá no Monte da Lagoa de Castiñeira. O obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito gratuíto no sitio web da Deputación (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Quen se apunte con posterioridade, ata un máximo de 100, pasará á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, rematará o 21 de setembro ás 12.00 horas.
‘Vive Deporte’ ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables e inclúe, aparte das actividades de orientación, unha trintena de rutas e andainas.