As campañas de promoción turística a través de soportes dixitais “As Rías Baixas visítante” e “Viaxe ao pasado”, postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, xeraron un grande interese nas redes sociais, posto que en tan só unha semana contan xa con máis de 170.000 visualizacións. Tal e como explicou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, o contido foi lanzado a través da rede para fomentar o turismo: “Mentres non nos poden visitar, nós visitamos a xente”.
Así, “As Rías Baixas visítante” promociona de xeito virtual os principais activos turísticos da provincia grazas á organización de visitas guiadas online a algúns dos monumentos ou recunchos naturais máis singulares da rexión. “Ademais de ir contando os valores turísticos tamén falamos da historia dos lugares que estamos promovendo con este proxecto”, declarou Carmela Silva. Estas visitas guiadas virtuais están programadas os mércores e venres ás 10 da mañá nas redes sociais corporativas e os vídeos están posteriormente accesibles na canle de YouTube de Turismo Rías Baixas.
Por outra banda, coa campaña “Viaxe ao pasado”, a Deputación de Pontevedra sérvese de vídeos, postais, fotografías e publicacións históricas que son conservadas en bo estado polo Arquivo Provincial para amosar á poboación o onte e o hoxe da provincia. “Falamos do que somos e do que fomos porque o futuro está ligado ó presente e ó pasado e todo conforma unha forma de estar no mundo”, dixo a presidenta sobre esta acción. Esta iniciativa, que tamén recorre ás redes sociais de Turismo Rías Baixas para ilustrar monumentos, vilas termais ou espazos declarados bens de interese cultural, está moi centrada en barrios pesqueiros de toda a provincia.