“Son desas persoas que creo que neste mundo da tecnoloxía o máis importante seguen sendo as emocións, as persoas, a capacidade de relacionarnos para compartir”, manifestou Camela Silva. Neste eido, a presidenta provincial referiuse a moitos dos aspectos que comparte Asturias coas Rías Baixas, dende a paisaxe natural, ata a gastronomía excelente, os produtos vitivinícolas e os da terra, a historia e ata aspectos relacionados coa lingua.
E xunto aos aspectos compartidos, a presidenta tamén destacou as condicións que fan única á provincia de Pontevedra: “somos sol e praia, pero somos moito máis, tradición, cultura, enoloxía, música, historia e innovación. Somos historias e queremos que a cidadanía asturiana poida coñecelas, porque detrás de cada unha delas hai un motivo para visitarnos e para que Asturias e Pontevedra estean, se cabe, máis unidas”, indicou Silva.
Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación explicou ao público asturiano aspectos do patrimonio cultural arredor do Castelo de Soutomaior e da figura de María Vinyals como fío condutor. Xunto á cultura, tamén se referiu Silva ao patrimonio natural, enxalzando os catro Xardíns de Excelencia Internacional que hai na provincia de Pontevedra e que son os únicos de todo o territorio estatal.
Amais, Silva referiuse ao enoturismo e á gastronomía, ao patrimonio espiritual representado polos seis mosteiros románicos ou cemiterios como o de Santa Mariña de Dozo, que forma parte da Ruta Europea de Cemiterios Singulares. Tamén menciounou aos xacementos arqueolóxicos para deterse na exposición ‘Galaicos: un pobo entre dous mundos’ que pode visitarse no MAN de Madrid ata febreiro e na que se da mostra do espazo central que ocupaba a provincia de Pontevedra fai 2.000 anos. Outra das opcións que deu a coñecer Silva, “porque tamén somos modernidade, foi os #RíasBaixasFests, que se celebran entre xuño e setembro e “combinan boa música con gastronomía, paisaxe, praias…”.
Xunto á oferta turística, a presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para facer fincapé na necesidade de compartir sinerxías. “Neste mundo globalizado non podemos vivir como compartimentos estancos. Asturias e a provincia de Pontevedra temos moito que ofertar conxuntamente, así que deberíamos ser capaces de sentarnos e elaborar paquetes turísticos conxuntos baseados na sustentabilidade, na nosa riqueza natural e patrimonial”, subliñou.
Pola súa banda, o alcalde de Oviedo, Wenceslao López, destacou que “queremos tomar toda esta simboloxía de Carmela Silva e estender en Asturias ese amor á provincia de Pontevedra, que creo que está aquí moi enraizado e é un amor seguro”.
Ao remate da presentación da campaña, e tamén durante a mañá, Carmela Silva mantivo un encontro de networking con turoperadores cos que xa se pecharon acordos, así como reunións de traballo nas que se abordaron cuestións relacionadas coa innovación e a xestión intelixente dos destinos turísticos, eixos nos que a institución provincial está a traballar activamente.
Xa pola tarde, ás 20.30 horas desenvolverase a Gala Solidaria no Eurostars Hotel de La Reconquista a favor da Fundación Mensajeros de la Paz do Padre Ángel e a Fundación Inocente, Inocente. Nesta gala, a provincia de Pontevedra terá un especial protagonismo xa que os produtos que se van degustar proceden das Rías Baixas. Servirase polbo, vieiras, linguado e unha sobremesa a base de Albariño. O viño será tamén da DO Rías Baixas e irá etiquetado co lema da campaña promocional da Deputación de Pontevedra ‘Somos historias’.