Ademais, vanse organizar ata cinco actividades, dúas máis que o ano pasado. Os espazos naturais que se percorrerán son o esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, a enseada de San Simón, a reserva do Grove, as Brañas de Xestoso e a Serra do Suído”.
‘Voando nas Rías Baixas’ é unha iniciativa impulsada enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra.
Tal e como explica a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “non podemos esquecer que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo”. Amais, a actividade tamén vai en liña con outra das liñas estratéxicas do Plan que formula a necesidade de necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía local sobre a preservación dos espazos naturais.
“O noso obxectivo é apostar por un turismo máis amigable, máis respectuoso, que permita poñer en valor os recursos naturais, así como o desenvolvemento turístico e económico sostible en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmos”, destacou a presidenta.
Neste mesmo eido incidiu Gustavo Ferreiro, coordinador de SEO Birdlife, que asegurou que o turismo ornitolóxico “é un excelente reclamo para iniciar á xente no goce da natureza e para estender a necesidade de coidar os espazos naturais”.
Datas
A primeira das rutas terá lugar o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese o vindeiro mércores, 9 de xaneiro e permanecerá dispoñible ata o día 15.
A segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición estará abierto entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro.
O 3 de marzo terá lugar a ruta da reserva ornitolóxica do Grove, un espazo protexido pola Rede Natura declarado tamén humidal de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta na que destacan as aves acuáticas invernantes estará aberto do 18 ao 26 de febreiro.
A cuarta ruta desenvolverase o 19 de maio nas Brañas de Xestoso, zona declarada de Especial Conservación e protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición será entre o 6 e o 14 de maio.
A quinta ruta terá lugar na Serra do Suído o 16 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou miñato. Para participar nesta ruta ornitolóxica haberá que inscribirse entre o 3 e o 11 de xuño.
Desenvolvemento da actividade
A duración de cada un dos percorridos será dunha mañá. Durante a actividade, os participantes estarán acompañados de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición de xeito gratuíto o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.
Os interesadas en participar deberán cubrir, no prazo indicado en cada unha das rutas, un formulario habilitado na páxina web da Deputación. A institución provincial habilitará, de xeito gratuíto e en función da demanda de cada unha das alternativas, o desprazamento para poder participar na actividade.