O prazo de inscrición para participar nestas actividades, que se celebrarán nos meses de maio e xuño, abrirase o vindeiro luns 29 de abril ás 09:00 horas e pecharase o 9 de maio. “O interese que esperta esta iniciativa está a ser especular porque as prazas remátanse en horas”, engadiu Silva. De feito, ofértase case 400 prazas, sendo 80 delas para as visitas a Sobroso e as 300 restantes para Soutomaior. Ademais, o aforo para o primeiro castelo será de 20 persoas por visita mentres que, en Soutomaior, será de 30 persoas.
Tamén, a presidenta quixo facer fincapé en que “este tipo de iniciativas promoven a desestacionalización do turismo, posto que estas actividades terán lugar en maio e durante os primeiros días de xuño”, explicou a presidenta. En concreto, celebraranse os días 10, 11 e 12 de maio no Castelo de Sobroso e, no de Soutomaior, serán os días 5, 12, e 19 de maio, e os días 1, 2 e 8 de xuño.
En Soutomaior será a bufona Burlona a que se encargará de abrir as portas do Castelo. “Presentará a cabaleiras e cabaleiros, cociñeiras e cociñeiros, xograresas e xograres, pantasmas e, este ano, a unha nova personaxe: Teresa de Távora”. Trátase da muller de Pedro Madruga, “unha muller que xogou un papel moi activo nos conflitos e alianzas da nobreza galega, ata o punto de recuperar os bens que o Rei de Castela lle retirara a Madruga”. Así, da man de Teresa de Távora, descubrirase “un novo punto de vista do castelo, divertido e interactivo”.
En Sobroso, a visita correrá ao cargo da pantasma Sancha a través dun xogo de pistas para as familias. “Ela soña con escapar do Castelo pero, para facelo, precisa de tres obxectos que están agochados tras os muros e historias de Sobroso”, contou Silva. Así, as persoas visitantes que axuden a Sancha a recuperar os seus obxectos, tamén “realizarán unha ruta polos muros da fortificación, coñecerán que personaxes habitaron o castelo e que historias aconteceron no seu recinto e nas súas inmediacións”.
As persoas interesadas nas visitas teatralizadas en Sobroso poderán anotarse a partir do vindeiro luns enviando un correo electrónico a paseapontevedra@gmail.com indicando o nome e apelidos, o DNI e un teléfono de contacto. As que queiran participar nas de Soutomaior, poderán adquirir as entradas en www.castelodesoutomaior.com.
Éxito de visitantes en Semana Santa
A presidenta tamén aproveitou para informar de que “dende o martes 16 de abril e ata o pasado domingo, 21 de abril, visitaron os castelos de Soutomaior e Sobroso preto de 2.000 persoas. En concreto, 1.300 o primeiro dos monumentos históricos e 700 o segundo. Ademais, Silva indicou que “a porcentaxe maioritaria de persoas que se achegaron aos castelos foron galegas, seguidas de madrileñas, vascas e casteláns. Tamén se detectou unha notable chegada de persoas de Reino Unido e Francia”.
Silva quixo poñer en valor que “a maioría das persoas que visitaron os castelos foron familias con nenos e nenas, o que nos demostra que estamos conseguindo converter estas xoias do patrimonio nun gran centro do turismo familiar, que é potentísimo. Ademais, hai unha iniciativa en Soutomaior que está tendo un éxito espectacular e é o proxecto de seguir as pistas para converterse en “detectives do Castelo”.