A Deputación de Pontevedra organiza entre os meses de xullo e decembro un total de 68 sesións das visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, que permitirán que máis de 2.000 persoas (30 por quenda) descubran a fortaleza dun xeito diferente e desde a perspectiva da mitoloxía e as lendas da provincia de Pontevedra e de Galicia.
As visitas están enmarcadas na liña temática de ‘Orixe Rías Baixas’, a campaña de promoción turística do destino Pontevedra Provincia que se está a desenvolver neste 2023 centrada no patrimonio cultural inmaterial. Agás as específicas para público adulto, están pensadas para público familiar a partir dos tres anos, estarán representadas por Troula Animación e teñen un prezo unitario de 8 euros (inclúe a visita ao castelo). As entradas poden adquirirse desde este mércores na web do Castelo.
A programación do verán comeza o 3 de xullo. Haberá en xullo e agosto dúas sesións os luns e venres ás 11.30 e ás 19.00 horas. Xirarán en torno a un castelo encantado onde pequenos e pequenas deberán desfacer o feitizo de encantamento que sofre a fortaleza.
Organízanse 34 sesións, cun total de 1.020 prazas, onde as nenas e os nenos poderán interactuar coas catro personaxes protagonistas. o trasno (o enfeitizador comediante), a meiga (que realiza apócemas secretas), a moura (habitante e feiticeira do Castelo) e o bardo (o poeta oficial da misión). As visitas serán os días 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de xullo e 4, 7, 11, 14, 18, 21, 25 e 28 de agosto.
No outono e inverno, terán lugar visitas teatralizadas temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín están divididas en dous bloques. unha versión para persoas adultas que se realizará os venres e os sábados de todo o mes de outubro ás 20.00 horas (8 sesións os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 e 240 prazas), e unha versión para público infantil que se celebrará os sábados e os domingos de outubro en dúas quendas, ás 11.30 e ás 16.30 horas (cun total de 16 sesións os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro e 480 prazas).
Por último, as visitas teatralizadas de Nadal pecharán a programación durante a ponte de decembro, con 10 sesións que se celebrarán os días 6, 7, 8, 9 e 10 de decembro ás 11.30 e ás 16.30 horas coa participación de ata 300 persoas.