Colapso de solicitudes para as rutas dos ‘Bosques Terapéuticos’ do mes de xullo que ofrece a Deputación de Pontevedra. Máis de dous mil persoas inscribíronse na mañá do luns nos dez percorridos previstos para o vindeiro mes, que ofrecían un total de 300 prazas e que quedaron esgotadas en cuestión de horas e, no caso ás visitas á Illa de Tambo, de minutos.
Con centos de persoas na lista de agarda, a institución provincial tivo que pechar as inscricións na mesma xornada de apertura. Agora, as persoas interesadas poderán volver a intentalo para os doce percorridos previstos en agosto, cuxo prazo se abrirá a partir do 26 de xullo.
O programa dos baños de bosque vén revalidando así a súa excepcional acollida ano tras ano, aínda que é neste 2022 no que maior número de peticións está a recibir. Hai que lembrar neste senso que a Deputación decidiu dobrar as prazas previstas inicialmente en cada un dos percorridos, debido á altísima demanda desta actividade.
As rutas de xullo comezarán o día 2 pola da Pedra e da Auga de Meis e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez. O día 9, os baños de bosque serán no Río Eifonso, no Espazo Natural de Bembrive (Vigo), mentres que para a Illa de Tambo hai dous percorridos, os días 10 e 24. Tamén haberá dous rutas pola Ponte Colgante do Lérez, nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, os días 17 e 30, e pola Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade) os días 16 e 31 de xullo. A actividade na Illa de Arousa será o día 23.
Os ‘Bosques Terapéuticos’ constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio. Todo nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos baños de bosque, que permiten conectar coa natureza empregando todos os sentidos, amais de ser unha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención dalgunhas enfermidades.