En liñas xerais, o obxectivo deste recoñecemento é apoiar as iniciativas desenvolvidas na provincia para impulsar o talento e a innovación para acadar unha maior calidade e excelencia no sector turístico. A presidenta provincial aproveitou a ocasión para anunciar que no primeiro trimestre do próximo ano 2019, Pontevedra Provincia acollerá unha Demoday dirixida ao sector turístico e as TIC de todo o Noroeste Peninsular.
Os Premios Talento Turístico da provincia de Pontevedra contaron nesta primeira edición coas modalidades de Talento Gastronómico, dirixido a cociñeiros e cociñeiros cun proxecto innovador e respectuoso co produto quilómetro cero do territorio; Talento TIC, encamiñado a galardoar a solución máis innovadora desenvolvida por un proveedor de ferramentas e servizos TIC para o sector turístico; Talento experiencial, dirixido á mellor acción de promoción turística presentada polos/polas xornalistas, bloggers ou influencers a través de canles ou ferramentas dixitais que teña sido de éxito ou viral; premio ao Talento Turístico Innovador, encamiñado a empresas que integren, dentro dos seus produtos ou servizos turísticos, ferramentas cun impacto relevante; e Talento Turístico sostible para galardoar á empresa que promova a mellor política sustentable no desenvolvemento do seu servizo.
Tras as deliberacións e a decisión final do xurado, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo entrega do premio Talento Turístico Gastronómico para Ecohotel Nos, un establecemento rexentado por María Nieves López Neira que traballa coa cociña experiencial, empregando no seu menú produtos típicos da zona e proveedores locais ecolóxicos e sustentables.
En canto á modalidade de Talento TIC, recibiu o premio Víctor Longo de Partee. Esta empresa trátase dunha plataforma integral na nube, que permite o check-in en liña para aloxamentos turísticos. Inclúe a xeración de partes de entrada de viaxeiros, o envío automático ao corpo policial correspondente de información ou a firma do/da hóspede sobre a pantalla de dispositivos móbiles dunha maneira cómoda e sinxela.
O premio ao Talento Experiencial foi para Alberto Ribas de Alvientoo, un blog especializado en gastronomía, turismo e eventos. A través do seu blog Ribas realizou unha acción de promoción turística que xerou máis de 15 millóns de impactos en redes sociais e conta con multitude de artigos publicados dos diferentes municipios e recursos turísticos da provincia. O seu contido, de calidade, serve de reclamo turístico xa que se centra en experiencias persoais dos/das diferentes participantes.
En canto ao Talento Turístico Innovador recibiu o premio Marta Iglesias, de Piragüilla, unha empresa comprometida coa innovación e a calidade turística. Amais, a empresa puxo en marcha unha app móbil propia para que os seus e as súas visitantes descubran máis sobre o entorno que están visitando. Ao mesmo tempo, o sistema conta cun sistema de seguridade que busca garantir o benestar do participante en calquera das súas actividades.
Pola súa banda, o premio ao Talento Turístico sostible recaeu en mans de Óscar Álvarez do hotel Bosque Mar, un aloxamento turístico enfocado no turismo sustentable. Este hotel dispón de máis de 70 paneis solares, diminuíndo o emprego de combustibles fósiles. Amais, emprega recursos propios da terra, cultivando unha horta libre de fertilizantes artificiais, e dispón de dous cargadores para vehículos eléctricos, traballando actualmente na construción dunha planta de enerxía fotovoltaica.