Ao igual que aconteceu coas dúas anteriores, a derradeira das rutas ofertadas este ano no marco das ‘Depoandainas’ esgotou en menos de 24 horas as 200 prazas para o percorrido polo Val das Fadas no concello da Cañiza. A actividade, enmarcada na quinta edición do programa de camiñadas impulsado pola Deputación de Pontevedra, realizarase o domingo 20 de setembro e será o peche do programa neste 2020.
Esta terceira e última ruta levará ás 200 persoas participantes por un itinerario circular de 9,56 quilómetros e dificultade media. O percorrido iniciarase no casco urbano da vila e continuará cara o río Deva, seguindo o val das Fadas. Coas novas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, as persoas inscritas deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor ou monitora e serán repartidos en grupos reducidos, cun máximo de 25 persoas.
Esta quinta edición das Depoandainas, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, arrancou a comezos de agosto nos muíños de Moaña e continuou o domingo pasado na fervenza de Callobre na Estrada. O programa, impulsado de xeito gratuíto pola Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo sustentable, no marco do decidido compromiso da institución provincial co Medio Ambiente.
Este verán as ‘Depoandainas’ enmárcanse en ‘Vive Deporte’, unha iniciativa que ten programadas entre xullo e este mes de setembro unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación.