O prazo abriuse este luns ás 09.00 horas e en seis minutos as prazas estaban completas. Ademais, un cento de persoas xa está en lista de espera para participar neste itinerario, para o que a inscrición na web da Deputación foi xa pechada.
A Depoandaina desenvolverase en sesión de mañá e tarde. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán o coñecido Bosque Encantado de Aldán, no concello de Cangas e, unha vez finalizada esta primeira andaina, desprazaranse ata as Illas Cíes, onde desfrutarán dun almorzo e realizarán posteriormente a espectacular ruta do Monte Faro.
En total, a DepoAndaina suma 10,5 quilómetros (3 en Aldán e 7,5 en Cíes) e ten unha dificultade media. A Deputación habilitará autobuses que sairán dende a praza de Galicia de Pontevedra e da praza de España de Vigo.
As DepoAndainas volverán despois xa en outubro, en que terán lugar as dúas últimas rutas das sete programadas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o día 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).