Dar a coñecer a provincia de Pontevedra á vez que se goza do deporte ao aire libre e da natureza son algúns motivos polos que a Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha as ‘Rutas Autoguiadas’, un catálogo con 13 itinerarios supervisados que poden seguirse facilmente a través de aplicacións móbiles ou dos GPS.
As fichas das rutas, valoradas e clasificadas pola Deputación, están dispoñibles no sitio web do ente provincial e ofrecen información sobre a distancia, a dificultade, as altitudes e os protocolos en caso de accidente. Os itinerarios discorren polos concellos de Moraña, Forcarei, O Grove, Redondela, Pontevedra, Catoira, Lalín, Vigo, O Rosal, Mondariz, Mondariz-Balneario, Silleda, Oia, A Guarda, Cangas e Bueu.
No concello de Catoira atópase a ruta dos ‘Muíños do Vento-Torres de Oeste’, que conta cun percorrido circular de 14,64 quilómetros ao longo dos cales pódense ver as citadas construcións mentres se percorren diferentes sendeiros. Pola súa banda, a ruta ‘Montes de Moraña’ ten un percorrido circular de 16,70 quilómetros que combina diferentes camiños de montes con outros semirrurais por diferentes aldeas do concello. O ‘Sendeiro do Lérez’, situado no concello de Forcarei, é unha camiñada de 7 quilómetros de ida e volta por un paseo fluvial no que se poden ver antigos muíños e pontes, entre as que destaca a ponte do Crego. Máis ao sur, na cidade de Pontevedra, tamén se pode desfrutar da ‘Ruta do río Lérez’. Este camiño discorre por ambas marxes do río atravesando a Illa das Esculturas ao longo dun percorrido semicircular de 11,5 quilómetros de distancia.
As persoas amantes da natureza tamén teñen dispoñible un percorrido pola península do Grove, trátase dun itinerario circular por San Vicente do Mar cunha distancia total de 10,41 quilómetros ao longo dos cales ofrece unhas fermosas vistas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. O sitio web da Deputación de Pontevedra tamén ofrece unha camiñada circular de 9,90 quilómetros a través dos ‘Miradores de Redondela’, comezando na área arqueolóxica do monte Penide e finalizando no mirador do banco de Redondela, dende onde se pode observar a ría de Vigo. En Lalín atópase unha ruta circular de 16,73 quilómetros denominada ‘Castro de Doade–Casa do Patrón’, que percorre distintos lugares do concello.
A ruta ‘Montes de Vigo-Senda da Auga’ conta con 22,70 quilómetros de percorrido circular. Comeza coa subida aos montes de Vigo para logo baixar ata a Senda da Auga, a cal discorre por diversos accesos e vías dos canais que transportaban a auga ata a cidade olívica. No concello do Rosal atópase a ruta dos ‘Muíños do Picón e do Folón’, unha pequena camiñada circular de 3,5 quilómetros que discorre entre estes coñecidos muíños, declarados Ben de Interese Cultural. A ‘Senda do río Tea’ conta cunha distancia de 6,2 quilómetros entre ida e volta nun percorrido que comeza na praia fluvial de Mondariz-Balneario e que leva a aqueles que a visitan ata a praia fluvial das Pías.
En Silleda atopamos unha ruta semicircular de 10 quilómetros chamada ‘Mosteiro de Carobeiro-Fervenza do Toxa’ que discorre por diferentes sendas que non deixan indiferente a quen as visita. Entre os concellos de Oia e A Guarda atópase a ruta do ‘Mosteiro de Oia-Camiño Portugués da Costa’, esta é a camiñada máis longa das ‘Rutas Autoguiadas’ posto que conta cun percorrido circular de 35,80 quilómetros. A Deputación tamén ofrece a posibilidade de visitar os ‘Montes de Cangas e Bueu’ a través dunha ruta circular de 26,76 quilómetros que permite ás persoas que a realicen desfrutar das vistas das rías de Pontevedra e Vigo.
As ‘Rutas Autoguiadas’, xunto con ‘Deporienta’, son unha das novidades de ‘Vive Deporte’, a programación deportiva da Deputación de Pontevedra que entre os meses de xullo e setembro está a levar a cabo en toda a provincia unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación.