Un edificio de estilo Barroco do século XVIII, construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei, que dende o ano 2017 alberga no seu Claustro un fantástico museo que naceu coa vontade de dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade.
A visita a este enclave da interpretación cultural e patrimonial comeza cun interesante material divulgativo sobre os primeiros contactos rexistrados entre os habitantes do val de Monterrei e os pobos visitantes. A través desta comarca, grazas á súa situación xeográfica, penetraron en Galicia as diversas culturas mediterráneas do mundo antigo, moitas delas portadoras da novidade do viño e do seu cultivo.
E é que, nesta exposición, o viño é tomado como denominador común para fiar os diferentes referentes históricos que se nos van presentando. A través das súas mostras, podemos descubrir dende a historia da chegada do viño ao noso país ata as súas distintas variedades aromáticas.
Ademais, nos seus fondos permanentes conta coa replica dunha lareira, equipada con todos os obxectos típicos nestas habitacións. Un recuncho que mergulle a moitos en antigos recordos e descubre aos máis cativos unha realidade moi afastada para eles.
Metémonos tamén na pel dos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, cando cruzaban montes e ríos para conseguir este ansiado gran no país veciño, sempre a escondidas da benemérita. Así mesmo, a mostra permite observar antigos alambiques, utensilios, orixes e receitas usadas para a fabricación dos licores caseiros.
Viño e licor café, só faltaban as gaitas. E dende o verán, alí están. Unha mostra temporal cedida por D. Xosé lois Foxo baixo o título “Verín, enclave de gaita”. Toda unha clase de historia da gaita, que narra, pola súa orixe e expansión, nin máis nin menos que a historia da humanidade. Exemplares de cornamusas e iconografías que nos permiten ver a evolución – tanto en forma, tamaño, deseño, localización e importancia – dun instrumento que, pese ao que pensamos normalmente, está presente na maior parte do mundo.
Tamén hai cabida para a concienciación e interpretación da natureza cunha exposición sobre a Bolboreta Monarca, cedida pola Xunta de Galicia, que narra a súa migración dende Canadá a México, máis de 3.500 km cunha extraordinaria parada en Galicia.
En definitiva, un destino perfecto para coñecer un pouco mellor a nosa historia e a nosa identidade. Unha visión diferente, didáctica, visual, cun trato persoal exquisito e coidado, ao máis mínimo detalle, coas técnicas de interpretación patrimonial máis modernas. Un destino imprescindible para os amantes da enoloxía e que supón todo un enclave estratéxico para o turismo cultural no sur de Ourense.
O museo abre as súas portas de mércores a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas e os domingo de 11.00 a 14.00 horas. Aqueles interesados en realizar a visita de xeito guiado poden pórse en contacto co museo a través do correo museodeverin@gmail.com ou no teléfono 617963905 en horario de apertura.