O proxecto de divulgación e revalorización patrimonial das Casas Rectorais do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Costa da investigadora galega Aroa Vargas Rial chega a “O Teu Xacobeo”. Un programa no que a Xunta leva mobilizados 8 millóns de euros en dous anos para implicar a municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo e descentralizado.
O proxecto, que conta cunha achega do Executivo autonómico de 25.000 euros, consistiu na elaboración dun inventario das 75 casas reitorais radicadas nas parroquias galegas polas que discorre o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa que foron visitadas individualmente, elaborando unha ficha de campo acompañada dun rexistro fotográfico e un croquis das mesmas.
Toda a información recollida será divulgada a través dunha páxina web, pensada como unha ferramenta áxil no seu acceso, que permitirá consultar a localización das casas e aportar documentación de cada unha delas. A última parte do proxecto consistirá nunha exposición fotográfica o próximo 29 de abril no Museo do Mar de Galicia.
Os beneficiarios desta última convocatoria están xa a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levalos adiante.