A parroquia de Valladares colabora co Xacobeo XXI promovendo de novo este ano xacobeo unha segunda camiñada guiada polo seu treito do Camiño Portugués do Norte: 5 quilómetros que separan o Moxón Real da estrema coa parroquia de Vincios das inmediacións do Hospital Álvaro Cunqueiro. A peregrinación ‘Pasiño a pasiño imos facendo o camiño de Santiago’, de baixa dificultade e apta para maiores e pequenos, celebra a súa terceira edición este mes de setembro atravesando varios dos espazos naturais máis fermosos da parroquia viguesa.
A programación cultural que acompaña a esta ruta comeza o venres 10 de setembro no auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, cun parladoiro sobre as oportunidades que ofrecen os distintos camiños xacobeos que discorren pola cidade de Vigo. Intervirán Luís Martínez, copromotor do Camiño a Santiago pola Costa, da Vía Mariana e da web Caminador.es; Campio Salgueiro, Presidente da Asociación do Camiño de Santiago sen asfalto; Arsenio Pérez Alonso, da Plataforma SOS Mosteiro de Oia e Mónica Casares, hospitaleira do Pazo das Pías. A entrada é libre ata completar aforo.
A camiñada terá lugar o domingo 12. Iniciarase ás 09:45 horas no campo de fútbol da Gándara. A primeira parada será sobre as 10.00 horas no moxón real da estrema con Vincios (A Pasaxe), onde os camiñantes poderán escoitar as vivencias dalgúns dos experimentados andaríns xacobeos que nos acompañen, para iniciar de seguido a ruta cos Trobadores Aldariña de Candeán e o Cego de Matamá. As seguintes paradas serán na casa do peregrino de Valladares (10.30) e nos centenarios muíños do Rendondo e de Longras (11:00 horas), ata chegar ás inmediacións do Hospital Álvaro Cunqueiro, límite do camiño de Santiago que discorre pola parroquia (11:30).
A ruta continúa volvendo sobre os seus pasos, polo Muíño da Senra (12.30) e pola leira do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (12:45), punto onde a Unión Musical de Valladares ofrecerá un concerto dedicado ao Xacobeo e ás peregrinacións.
Unha vez rematada esta peregrinación cultural, os camiñantes poderán gozar dun espazo para xantar na área natural da leira da Senra ao carón da cafetería do Centro Veciñal e Cultural de Valadares mentres continúan os romances e cantigas de Aldariña de Candeán e o Cego de Matamá (15:30.), a música mecánica de O Cefa-lo-podo Dr. Incógnito (16:00) e espectáculo circense de Nikita Kimoni (17:00). O acceso é libre ata completar aforo, segundo as normas sanitarias vixentes. No caso de mal tempo, as actividades trasladaranse ao Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares dende ás 12.00 ata as 14.30 horas.