Co obxectivo de dar resposta á dimensión turística e cultural que ten adquirido o Castelo de Soutomaior dende a súa musealización, con cifras que neste 2022 dobran as rexistradas no 2021, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o contrato para construír o novo Centro de Recepción de Visitantes. Está previsto que as obras comecen en agosto.
“Trátase dunha nova aposta por ter servizos de calidade vinculados a un castelo que é unha xoia do patrimonio, que democratizamos, que agora é da xente, que musealizamos e onde está situada a Escola de Igualdade María Vinyals”, asegurou a presidenta Carmela Silva quen tamén informou que nesta infraestrutura, accesible, sustentable, eficiente e innovadora, que se executará nun prazo de seis meses, a institución investirá 575.000 euros.
A nova instalación coa que contará o castelo será totalmente accesible. Estará situada nunha parcela inferior, para evitar limitar as vistas á fortaleza, e funcionará como área de recepción, acollida e información pero tamén como lugar de encontro das persoas que se acheguen ata o recinto histórico.
Tamén terá espazo para o control da seguridade, zona de venda de material cultural e bibliográfico, así como de produtos da comarca, e aseos para homes e mulleres e zona de descanso. Ademais, dotarse ao espazo da zona de aparcadoiro e área para a chegada de autobuses e turismos, ao situarse próximo ás vías de circulación.
O edificio será “moi respectuoso coa contorna, como non podería ser doutra forma”, cun volume sobrio e único, desenvolvido en planta baixa previa á entrada á zona monumental e cunha superficie de 200 metros cadrados aproximados.
Terá forma rectangular alongada, moi sinxela, para non competir co conxunto monumental, e contará con dúas zonas principais a ambos lados da entrada: cara ao castelo estará a zona de tenda, descanso e venda de entradas e ao outro lado do rectángulo estará a cabina de control e seguridade, as taquillas, os aseos e os espazos destinados ao persoal.
A construción empregará, entre os seus materiais, pedra e madeira sobre base de formigón e solucionará a problemática de accesibilidade no terreo con ramplas.