A Deputación de Pontevedra vén de conseguir en Berlín un novo recoñecemento internacional para “Fame de Experiencias”. O audiovisual da institución para a promoción do turismo gastronómico da provincia no ano 2019 sitouse entre os gañadores do certame The Golden City Gate de Berlín.
A presidenta, Carmela Silva, amosou este venres a satisfacción da Deputación por este novo galardón, que se suma ao obtido na Feira Fitur ao Mellor Vídeo de Promoción Produto Turístico de España. «Temos un modelo diferente de promoción da nosa provincia que nos fai únicos e únicas», sinalou. Silva explicou que «os premios amosan o gran talento que temos nesta provincia, referencia no ámbito das industrias culturais, que xeran actividade económica e empregos”.
A presidenta recoñeceu o traballo de Esmerarte Industrias Creativas, autora do audiovisual. “Unha empresa asentada na provincia con compromiso co territorio” e que “segue a sorprender cada ano” cos seus traballos, como o audiovisual turístico realizado tamén para a Deputación neste ano, “Sigue o teu instinto”. “Síntome moi orgullosa do traballo que facemos conxuntamente e quero felicitarvos porque competimos con calquera das industrias culturais non soamente en Galicia senón en España pero tamén a nivel internacional. Estes premios que estamos a recibir así o sinalan”.
Presentes en Berlín
Avanzou que a institución estará presente o 5 de marzo en Berlín para a entrega deste galardón, na vixésima edición destes premois. O audiovisual vai ser proxectado a vindeira semana durante a celebración da Feira Internacional de Turismo ITB de Berlín, “que é a feira líder da industria turística mundial”. “O noso vídeo vai estar entre os días 4 e 8 de marzo nesta grande feira, polo tanto, centos de miles de persoas van ver a nosa provincia neste evento”, anunciou.
Carmela Silva destacou que os premios Golden City Gate “se definen como a expresión creativa e innovadora da industria turística”. As pezas presentadas a concurso foron avaliadas por un xurado internacional formado por 45 profesionais relacionados co mundo do turismo, márketing, audiovisual, relacións públicas, publicidade, música e deseño.
A calidade da realización visual e sonora de «Fame de experiencias», o efecto emocional, o narrativo, o valor informativo sobre o destino, a creatividade e a innovación foron os aspectos destacados do audiovisual da Deputación en Berlín.
Finalista en Nova York
A presidenta lembrou que a Deputación é finalista tamén con este audiovisual aos Premios de Televisión e Cinema dos Festivais de Nova York 2020. “Nós xa nos sentimos gañadores soamente por estar nomeados”, apuntou. E augurou tamén un futuro de éxito para o audiovisual deste 2020, “Sigue o teu instinto”. “Creo que nos superamos, así que para o ano que vén estaremos de país en país recollendo premios, porque os nosos vídeos non deixan indiferente a ninguén”, adiantou.
Pola súa banda, Alberto Baamonde, de Esmerarte Producións, destacou que a idea de “Fame de Experiencias”, un audiovisual “case motivacional”, partiu de Laura Fontán, coa que dirixiu o proxecto. “Para nós é fácil traballar neste tipo de audiovisuais, porque temos unha materia prima exquisita, que é a provincia de Pontevedra», indicou.
«Este ano traballamos en ‘Sigue o teu instinto coa natureza’, o ano pasado en ‘Fame de Experiencias’ cos produtores e toda a cadea da gastronomía. E é moi fácil atopar temas, historias, imaxes, todo ese contido de valor no noso territorio. Case é sacar a cámara e atopamos todo o que se desexa ter nun vídeo”.
Subliñou tamén a motivación que supón traballar coa Deputación de Pontevedra e con Turismo Rías Baixas “sobre todo porque sempre nos din, arriscádevos, facer algo creativo”. “Pero cando aflora toda a creatividade e temos esa materia prima diante _concluíu_, saen estes vídeos. Esperamos que este sexa o principio dun largo camiño internacional de ‘Fame de Experiencias’, de ‘Sigue o teu instinto’ o ano que vén, e de outros vídeos que fagamos”.