Preto de 31.000 persoas visitaron en 2020 os Castelos de Soutomaior e Sobroso, xestionados pola Deputación de Pontevedra. A cifra non chegou ás case 42.000 rexistradas no 2019 pero, segundo a presidenta provincial, Carmela Silva, o dato do ano recentemente rematado resulta “espectacular” ao ter en conta as complicadas circunstancias derivadas da Covid-19, o confinamento, os peches perimetrais e as distintas restricións pola pandemia, que nalgúns meses do ano provocaron que só puidesen ser visitados polas veciñanza dos concellos nos que están enclavados.
No caso do Castelo de Soutomaior, pechou o ano coa visita de máis de 20.000 persoas, das que máis de 6.000 o percorreron entre xuño e agosto e 14.000 o resto do ano. No que respecta ao Castelo de Sobroso, rexistrou 11.000 visitantes. Deles, preto de 3.500 o fixeron entre xuño e agosto, unha cifra que mesmo superou a do mesmo período do 2019, entre outras razóns, como explicou Carmela Silva, “polo aumento das actividades culturais que atraeron a moita xente”. Outras 7.500 persoas o visitaron durante o resto do ano.
A presidenta da Deputación incidiu así mesmo na “grande acollida” que tivo a decoración, alumeado e actividades que se desenvolveron por primeira vez durante neste Nadal no Castelo de Soutomaior. Neste senso, subliñou que debido aos peches perimetrais só poido acceder a veciñanza do propio concello de Soutomaior, “e aínda así, máis de 600 persoas visitaron o alumeado da fortaleza”.
Carmela Silva destacou que para este 2021 a institución provincial seguirá a revalidar a súa aposta polos castelos, “para seguir a converter ambos os dous recintos históricos en motores da cultura e do turismo na provincia”, con diversas actuacións “que na súa maioría están xa deseñadas”.
Deste xeito, indicou que xa están perfiladas novas actuacións para o Castelo de Soutomaior, entre elas o acondicionamento do Muíño “para que sexa visitable, porque queremos seguir dando novos contidos ao recinto”. En canto a Sobroso, está en marcha o proxecto de musealización, “que en xuño ou xullo teremos xa listo”.