Ao longo do mes de setembro e comezos de outubro celebraranse un total de cinco roteiros por diversas comarcas da provincia, que se poñen en marcha no marco das actividades do Ano do Patrimonio.
O primeiro percorrido, que levou aos participantes polas augas da ría de Vigo ata San Simón, levaba por título ‘Roteiro da memoria na Illa de San Simón. De Mendiño a O lapis do carpinteiro’ e estivo guiado polo crítico e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Ata o punto de partida do roteiro, achegáronse o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a escritora e membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Marta Dacosta, para dar a benvida ás persoas participantes.
O deputado nacionalista quixo aproveitar para salientar que «é moi significativo que comezar esta iniciativa cunha visita tan especial á Illa de San Simón, a nosa Illa da Memoria, que nos permitirá percorrer a través da literatura toda a súa historia, facendo fincapé en cuestións como a lírica medieval ou os campos de concentración que houbo durante a guerra e a posguerra».
O percorrido do roteiro xirou arredor das illas de San Simón e San Antón e estivo ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados que correron a cargo de Álvarez Cáccamo.
O autor tivo en consideración o proceso histórico dos acontecementos que foron acontecendo en ambas illas desde a Idade Media, coa a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe.
Dacosta explicou ademais que a escolla de Xosé María Álvarez Cáccamo obedeceu, dunha banda, a que «é un poeta de dilatada traxectoria, con amplo recoñecemento e numerosos premios», e por outra, a que «partimos da súa obra ‘O caderno da ira’, porque ira é o aínda seguimos sentindo hoxe canto temos que seguir reclamando e loitando para que se recoñeza e se cumpla a Lei de Memoria Histórica».
O seguinte roteiro terá lugar en Tui, o sábado 16 de setembro, e leva por título ‘Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario’. Estará guiado por Vítor Vaqueiro, que fará un percorrido polos mitos e lendas dese enclave.
O sábado 23 de setembro en Cangas será a quenda para o ‘Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña, que estará guiado por Héitor Mera.
O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Cambados o sábado 30, leva por título ‘Roteiro do Centenario Da terra asoballada’. Estará guiado por Ramón Caride Ogando e centrarase na pegada de Cabanillas en lugares significativos de Cambados.
E por último, o sábado 7 de outubro, a parroquia estradense de Berres acollerá ‘Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores’, a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín.