O audiovisual turístico da Deputación de Pontevedra “Sigue o teu instinto”, peza central da campaña promocional do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia en 2020, continúa o seu paso triunfal polo circuíto de festivais internacionais. A cinta vén de ser premiada na categoría “International Promotional Films” do ART&TUR – Festival Internacional de Cine de Turismo, como mellor film promocional dun destino, galardón que recolleu este venres en Aveiro a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias. Con esta nova distinción xa son nove os recoñecementos de “Sigue o teu instinto”, que se suman aos 14 da súa predecesora en 2019, Fame de Experiencias, o que afianza aos audiovisuais turísticos da Deputación entre os mellores do mundo e volve a situar ao noso destino no panorama internacional.
O ART&TUR – Festival Internacional de Cine de Turismo, celebrado en Aveiro, premiou á peza da Deputación protagonizada pola actriz Celia Freijeiro na categoría “International Promotional Films”. Competindo con ela, entre 51 audiovisuais de todo o mundo, resultaron finalistas “Valencia, destination of the Holy Grail – España”, “The Home of humanity – Sudáfrica”, “World Masters Game 2025 PR Movie (Short Version) – Taiwán”, “Prayer – Japón”, “Two deaf Travellers – Reino Unido”, “Encouraging social well – being from individual activity – Chile”, “Making the world a more accesible and friendly place – Chile” e “Tamsui – Kavalan Trails Trilogy – Taiwan”.
O novo recoñecemento a “Sigue o teu Instinto”, producida por Esmerarte Industrias Creativas, premia á cinta de carácter intimista centrada en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da institución provincial polos ODS e a Axenda 2030. Recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra.
Recoñecemento aos audiovisuais turísticos da Deputación
O ART&TUR forma parte do CIFFT Circuit, unha prestixiosa competición a través de 14 festivais audiovisuais especializados no sector turístico na que son premiadas as consideradas mellores pezas do ano en todo o mundo. O vídeo promocional de “Fame de Experiencias?”, campaña turística da Deputación que precedeu a “Sigue o teu Instinto”, colleitou un extraordinario palmarés dentro deste circuíto, con 14 premios internacionais. O éxito ao longo destes anos dos audiovisuais da Deputación certifica o recoñecemento á calidade das promocións turísticas da institución nos festivais internacionais do sector.