A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, presentou o destino ‘Pontevedra Provincia’ a través de ‘Somos Historias, unha viaxe virtual e sensorial’, na que as imaxes, vídeos, música e degustacións gastronómicas cobraron especial protagonismo.
Deste xeito, a campaña lanzada pola Deputación neste 2018 con motivo do Ano Europeo do Patrimonio, desembarcou no Teatro Rialto acompañada da música de Najla Shami, de vídeos que amosan os eixos do patrimonio na provincia , e da degustación gastronómica de produtos como as volandeiras, os mexillóns, xurel, crema de grelo, lacón á feira, vapor de cocido galego, empanada, cañas de crema de mel, queixo con marmelo e bica, acompañados de vinos da D.O. Rías Baixas.
A presidenta destacou que “vivimos unha época dourada no destino Rías Baixas. Pechamos 2017 con récord de visitantes e agardamos un 2018 espectacular”. Silva fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra “pode presumir da súa beleza desde xaneiro a decembro xa que contamos con múltiples atractivos turísticos, desde espazos naturais, ata castelos, xacementos arqueolóxicos, vilas termais, museos, xardíns, pazos, unha variada gastronomía, viñedos a carón do mar, grandes festas de interese turístico, ata varias rutas de peregrinación cara Compostela.
Por iso queremos que todo o mundo a coñeza, apostando, como así nolo marca o Plan Estratéxico de Turismo, por un turismo sustentable, de calidade e durante todo o ano, en colaboración co sector privado”.
O primeiro dos elementos audiovisuais que se proxectaron no evento foi ‘Somos historias’, o vídeo de lanzamento da campaña de Turismo Rías Baixas, no que María Vinyals é o eixo argumental. Da súa man, e guiados pola presidenta provincial e polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes, as persoas congregadas no evento descubriron o Castelo de Soutomaior e outros elementos do patrimonio fortificado, xacementos arqueolóxicos e ata espazos naturais e paisaxísticos da provincia de Pontevedra.
Turismo Rías Baixas repasou a historia do Castelo e dos personaxes que alí viviron como Pedro Madruga, María Vinyals e ata a pantasma do “Alemanote”. Tamén presentaron o Castelo de Sobroso, no que foi cercada Dona Urraca, as fortalezas de Salvaterra e Goián, a de Monterreal en Baiona ou as torres do Oeste, así como pazos como o de Castrelos, o de Oca ou o de Rubiáns.
Amais, deuse a coñecer o logotipo elaborado para a campaña deste ano, centrado no labirinto de Mogor, un misterioso elemento de milenios de antigüidade que amais de deixar a súa pegada na provincia atópase tamén noutros puntos da xeografía internacional tan distantes de Pontevedra como Estados Unidos.
Dende Baiona ata Catoira
E, xunto ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico, presentáronse outras moitas historias relacionadas coas Rías Baixas. Deste xeito, as festas etnográficas, gastronómicas e de recreación histórica tiveron un espazo singular no Teatro Rialto de Madrid, onde se amosaron imaxes da Arribada de Baiona, do desembarco vikingo nas Torres de Catoira, da Feira Franca pontevedresa ou da Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada. Tamén cobrou protagonismo o patrimonio espiritual e relixioso, dando a coñecer mosteiros como o da Armenteira ou o de Aciveiro.
A continuación deuse paso a un vídeo relativo ao patrimonio natural, destacando que “temos tal variedade de climas e paisaxes que converten á provincia de Pontevedra nun espazo único, diferente, cunha costa recortada e singular, ríos cortos e caudalosos que regan de vida todo un paisaxe de bosques e montes”. Deste xeito, Silva e Fortes recordaron as Illas Cíes e Ons, os ríos, bosques, montes como o Seixo dende o que divisar as tres Rías Baixas en días despexados.
Tamén se deu a coñecer en Madrid a visión de múltiples escritores e escritoras, desde a antigüidade ata os nosos días, sobre a provincia de Pontevedra: Mendiño, Martín Códax, Xoan de Cangas, Nun Trez, Julio Verne, a propia María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Torrente Ballester, Valle Inclán… E, xunto a este patrimonio literario das Rías Baixas, tamén houbo tempo para dar a coñecer o patrimonio etnográfico e cultural, destacando o Museo de Pontevedra, o Museo do Mar de Vigo e os RíasBaixasFests.
A presentación “virtual e sensorial” do destino “Pontevedra Provincia” rematou coa degustación de produtos gastronómicos da provincia de Pontevedra. O primeiro retorno da presentación foi a expectativa mediática en Madrid. Preto dunha decena de medios de comunicación nacionais pecharon entrevistas para este mércores a fin de coñecer o destino Rías Baixas da man da presidenta provincial.