A candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, impulsada polo Goberno galego, incluíse xa na lista indicativa española dentro dos procedementos que forman parte do proceso de Declaración como Patrimonio Mundial. Un gran paso que pon en valor a singularidade deste arquipélago que é, ademais, un dos dous únicos destinos turísticos Starlight da Comunidade galega, polo seu gran interese como punto de observación astronómica.
Xunto con Pena Trevinca, en Ourense, o Parque Nacional das Illas Atlánticas conta con este recoñecemento outorgado pola Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional que creou este sistema de certificación apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo e a Unión Astronómica Internacional, mediante o que se acreditan aqueles espazos que posúen unha excelente calidade do ceo e representan un exemplo de protección e conservación. E o Parque Nacional das Illas Atlánticas é unha delas.
Cortegada e Sálvora, na Ría de Arousa; Ons, fronte a ría de Pontevedra e Cíes, pechando a ría de Vigo son quen de incorporar a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e fomentan, á vez, o turismo de observación das estrelas, porque contan con espectaculares noites que permiten unha contemplación inmellorable do ceo estrelado galego. Por iso, como destino Starlight, o Parque acolle actividades nos seus Centros de Interpretación relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno, con dúas estacións que miden o seu brillo, ademais de accións sobre o terreo nas illas.
Vista aérea das Illas Cíes.
Ademais, dúas das súas illas son especialmente destacadas pola súa riqueza para o turismo ornitolóxico, como é o caso das Illas Cíes e a de Ons, que contan con observatorios de aves e tamén existen roteiros específicos para divisar diferentes tipos de aves marítimas. Alí hai numerosas colonias, principalmente de gaivota de pata amarela e cormorán moñudo. E, no mar, tamén hai posibilidade de avistamento de cetáceos como o roncual común, durante o verán e, todo o ano, son importantes as comunidades de algas pardas.
O resto de illas do arquipélago atesoura importante patrimonio tamén cultural. Sálvora, no extremo occidental da ría de Arousa, mantén vixente o seu pasado coa existencia de edificacións de uso relixioso faros e fortalezas ou industriais. De feito, a fábrica de salazón converteuse en pazo con dúas torres e alí tamén atopamos unha fermosa aldea de con hórreos e capela. E Cortegada destaca polo seu gran tesouro vexetal que representa o bosque de loureiros con exemplares de ata doce metros de altura.
A BORDO DOS MINICRUCEIROS
Galicia pódese percorrer a pe, en bicicleta, en tren, en coche, a cabalo e tamén en barco. Os minicruceiros costeiros polas rías de Galicia, que botaron a andar o pasado verán, esténdense ata o mes de novembro, podendo recalar en algunha das illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Turismo de Galicia, Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) unen esforzos para organizar esta experiencia turística marítima a bordo dun ferri-catamarán ou dun veleiro en diversas travesías. Para o mes de novembro, algunhas das rutas inclúen parada e percorrido pola Illa de Sálvora ou polas Illas Ons.