Durante a xornada, organizada pola Asociación de Bloggers de Viaxes de Galicia, Nava Castro referiuse ao cada vez máis habitual uso das tecnoloxías para elixir destino. “Internet é unha das nosas máis valiosas aliadas no turismo”, indicou referíndose ao seu papel tanto como fonte de información, como para planificar viaxes en liña, mercar produto turístico e mesmo atopar opinións que, dixo, en moitos casos son definitivas na elección do destino.
Salientou a importancia de que tanto bloggers como influencers conten coas ferramentas necesarias para informar e coñecer as características e os recursos do destino ao ser un dos máis destacados prescriptores. Neste sentido e sendo conscientes da importancia deste novo perfil de prescriptores para a promoción dos destinos turísticos, a Consellería de Cultura e Turismo inclúe entre as súas accións anuais a organización de viaxes de familiarización a Galicia enfocadas a xornalistas e tamén bloggers e profesionais de información de viaxes.
Nava Castro puxo en valor o papel da tecnoloxía como unha oportunidade para reforzar o posicionamento nacional e internacional de Galicia nun contexto no que o Big Data está a ser chamado a ser outro dos aliados aliado para segmentar a oferta, personalizala e mesmo para controlar a capacidade de carga e diversificar e especializar a oferta turística.