Trátase das citas máis importantes en todo o mundo relacionadas coa cultura viquinga e todas elas están enmarcadas no proxecto europeo “Follow the vikings”, no que participan diferentes territorios europeos relacionados con esta cultura.
En canto ás próximas citas das irlandesas Dublín e Waterford, a Deputación provincial participará na difusión e posta en valor dun dos recursos máis relevantes do patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra xa que, de feito, a Romaría Viquinga de Catoira é unha das catro festas de interese turístico internacional recoñecidas no territorio pontevedrés e que teñen un grande protagonismo en todas as accións promocionais da campaña “Somos Historias”.
O apoio da Deputación á presenza de Catoira neste evento ten unha dobre vertente xa que, ademais de impulsar o coñecemento desta cita ineludible no calendario cultural pontevedrés, á súa vez a través da Romaría Viquinga de Catoira as persoas que asistan á Feira de Waterford tamén coñecerán o destino Pontevedra Provincia. Deste xeito, repartirase material informativo sobre os principais recursos turísticos do conxunto da provincia de Pontevedra e, dunha maneira especial, exporase o potencial turístico da comarca do Ulla-Umia para permitir a atracción de visitantes internacionais durante a semana na que se celebra a Romaría Viquinga. Cómpre lembrar que esta cita xa reúne anualmente a máis de 50.000 persoas e que este ano celebra a súa 57ª edición.
Ademais, neste mesmo sentido, o destino Pontevedra Provincia tamén se promocionará dun xeito moi importante nas actividades que levará a cabo a representación de Catoira nas feiras de Dublín e Waterford, a través de seminarios de percusión, de espectáculos de rúa e da participación nos espectáculos finais de lume e pirotecnia que desenvolverá unha formación artística e teatral ao longo dos catro días de duración destes eventos.