Segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo, os 467 estudantes que este curso se desprazaron a un total de 23 países case triplican aos 164 que no curso 1998-1999 viaxaron a estudar a universidades de 13 países europeos.
“A evolución reflicte a paulatina consolidación do programa, desde a súa etapa pioneira onde só os e as máis atrevidos decidíanse por optar ás bolsas Erasmus polos múltiples interrogantes que tiña en canto ao recoñecemento desde período de estudos no estranxeiro, ata a situación actual, onde a mobilidade Erasmus está totalmente integrada na cultura do estudantado universitario”, explica Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, que considera que ter unha experiencia internacional é un dos activos máis importantes á hora de atopar un bo traballo acorde coa titulación universitaria.
Por campus, o programa Erasmus mobilizou estes últimos 20 anos no de Vigo, un total de 6092 estudantes, aos que se engaden 1413 do campus de Ourense e 1200 de Pontevedra. En canto aos países que rexistraron maior demanda por parte do alumnado, Italia sitúase á cabeza dos destinos con 1551 estudantes, seguido por Alemaña con 1134 e Francia con 962 e Portugal con 956.
Polo que respecta aos centros co estudantado máis viaxeiro, no campus de Vigo a Facultade de Filoloxía e Tradución sitúase á cabeza da Universidade con 1736 mobilidades, seguida de Ciencias Económicas e Empresariais con 876 e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación con 665.
No campus de Ourense, a Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo sumou 416 mobilidades, seguida de Ciencias da Educación con 389 e Dereito con 180. Mentres, no campus de Pontevedra, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acadou nas dúas últimas décadas 501 mobilidades, mentres que a Belas Artes sumou 384 e Ciencias da Educación e do Deporte 208.
Transcorridos 30 anos do nacemento do programa Erasmus, Manuel Fernández considera que o seu futuro pasa pola extensión a outras zonas do mundo. “Europa deixou de ser o estranxeiro para converterse en parte da nosa realidade e a nosa cultura. O programa Erasmus tivo unha función crave nesta nova concepción do nos continente”, sinala o vicerreitor, que considera que un programa Erasmus global no que puidesen participar institucións educativas de calquera lugar do mundo, sería un gran éxito.
De Noruega a Croacia, pasando por Italia: experiencias en primeira persoa
“Crecemento persoal, novas experiencias, lingua, relacións sociais e nova forma de adquirir coñecementos no teu grao ou máster”. Estas son segundo o estudante de 2º curso do Máster en Enxeñaría Industrial José Manuel López Seijas os piares básicos do Erasmus, unha experiencia que tivo ocasión de vivir no primeiro cuadrimestre do curso 2017-2018 na Universidade Técnica Lulea en Suecia. “É unha experiencia moi valiosa para a vida onde aprendes moitísimo e medras como persoa”, asegura José Manuel, que durante a súa estadía en Suecia tivo ocasión de cursar materias específicas de materiais compostos, así como aprender e perfeccionar o seu inglés.
Aínda que Reino Unido, co obxectivo de mellorar o idioma, era o primeiro destino de Lara Dámaso Rodicio, a estudante de 4º curso do dobre grao ADE-Dereito atópase en Roma, onde estuda na Università degli Studi di Roma Tre. “Era moi bo para min a nivel persoal saír da casa, por moi ben que estivese nela.
Aparte de que hoxe en día, cara a atopar un traballo, as empresas tamén o valoran porque amosa moitas calidades positivas como autosuficiencia, capacidade resolver os teus problemas e madurez”, sinala Lara, para quen a case nula orientación recibida por parte da Università di Roma, obrigouna a “buscarme a vida soa, ser constante e loitar polo que quería”.
Máis de 3000 quilómetros separan Roma de Finlandia, onde se atopa Helena González Alonso, estudante de 3º curso do Grao en Turismo. Para esta moza viguesa, a súa experiencia na Savonia University of Applied Sciences en Kuopio “está sendo unha das mellores experiencias da miña vida.
Non creo que sendo realista, tivese oportunidade de pasar unha temporada longa en Finlandia, que sempre foi un dos meus maiores misterios e que sempre quixen visitar”, explica Helena, que anima a todo o alumnado a vivir esta experiencia.
Pola súa banda, a estudante vietnamita Hai My Bui, comparte curso e titulación con Helena, aínda que non destino Erasmus. Nada en Ho Chi Minh, Hai My completou un cuadrimestre en Bremen, Alemaña, “onde podo aprender alemán e desde onde podo viaxar a moitos lugares con facilidade”.
Mentres, Carolina Pérez Santos, estudante de 2º curso de Comunicación Audiovisual, quería mellorar o seu nivel de inglés e ao tempo coñecer a zona dos Balcáns. Tras cinco meses en Zagreb, onde estuda na Universidade Vern, asegura que está a vivir “unha experiencia moi enriquecedora, na que o máis positivo é coñecer xente marabillosa de todas as partes de Europa e o máis negativo é estar lonxe da miña familia e os meus amigos”.