Para o concelleiro Xosé Lois Jácome, o máis grave “non é o que xa se espera dunha empresa como Ryanair, senón que sexa o propio alcalde quen, abertamente, admita que unha empresa interesada nun concurso está sendo partícipe na redacción dos pregos dese concurso, ao que tería que acceder en igualdade de condicións que o resto das empresas”.
Segundo engade, “isto só redunda nunha obviedade: o deseño dos pregos de condicións está facéndose ao antollo de Ryanair”. Jácome fixo esta valoración despois de que Abel Caballero anunciara publicamente en rolda de prensa que a permanencia da aeroliña irlandesa en Vigo está en perigo polas novas esixencias que lle puxo enriba da mesa ao Concello.
“Quen é unha empresa para condicionar a redacción dun prego dun concurso público? A elección de destinos así como o resto das condicións deberían saír cando menos da Concellería de Turismo, nunca dunha empresa con intereses no contrato”, insistiu o concelleiro de Marea de Vigo.
Á vista destas declaracións, a formación reafírmase na súa postura en relación a esta clase de investimento en gastos impropios da administración local. “Durante os tres anos de vixencia do actual contrato, a empresa Ryanair incumpriu sistemática e reiteradamente o propio contrato cos constantes cambios realizados sobre as rutas, mais o Goberno local deixou facer e non estableceu a mínima fiscalización que se lle debe esixir a quen recibe millóns de euros de cartos públicos que se deixan de destinar a outras partidas. Isto vén demostrar, unha vez máis, que non se poden realizar contratos deste tipo desde a administración local, e menos, con empresas pirata como é o caso de Ryanair, especializada en incumprimentos contractuais e laborais”, finalizou.