O acto comezará as 10.00 da mañá (hora portuguesa) no emblemático Palacio da Bolsa da cidade portuense e consistirá nun encontro profesional con touroperadores, axentes turísticos, representantes institucionais do Norte de Portugal e medios de comunicación do eido do turismo para presentar a campaña de promoción de Rías Baixas que o goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio.
No evento, a Deputación de Pontevedra poñerá en valor a reapertura do Castelo de Soutomaior o próximo mes de maio, co fío condutor da figura de María Vinyals; o patrimonio fortificado e o patrimonio espiritual; as festas de interese turístico da provincia; a gastronomía de Rías Baixas; o Camiño Portugués (cos dous itinerarios), e o enoturismo, xa que Portugal é o sexto país produtor de viños do mundo e tamén é o primeiro consumidor de cantidade e de variedades.
A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que “en Porto iniciamos unha parte da campaña máis enfocada ao sector profesional, con actos no que presentaremos produtos específicos para o público obxectivo deses lugares. Podemos dicir que esta presentación ten a finalidade de que nos coñezan un pouco máis, e de que sigamos a traballar cun mercado que como sempre dixemos é preferente para o destino Rías Baixas”. Silva explicou que “por un lado a maioría dos turistas estranxeiros que nos visitan son portugueses, no 2017 representou o 16,4% do total da demanda turística internacional de Galicia, e por outro porque o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa representan unha oportunidade de desenvolvemento turístico en crecemento”.
O acto en Porto contará coa condución de Maria Cerqueira Gomes, coñecida presentadora portuguesa e unha das maiores influencers de tendencias de viaxes no norte de Portugal.