Existen varios lugares para visitar nesta localidade, a pequena do norte situada entre Valença e Caminha. O seu centro histórico e algúns restaurantes de sona ó norte do Miño son populares e coñecidos, pero neste artigo centrémonos en dous elementos menos coñecidos pero de singular beleza un e para amantes da cociña tradicional a prezo ridículo o outro.
O primeiro é o cervo. Dende a estrada que percorre o norte de Portugal (N-13) pode observarse a figura de metal no medio da montaña. É o elemento característico do lugar e subir ata onde está colocado merece e, moito,a pena. Está no medio da típica montaña granítica deste lugar da Península Ibérica. A súa situación é un auténtico balcón sobre o val do río Miño. A vistas sobre a desembocadura son dun nivel case inigualable.
Obsérvase con claridade a unión do río co mar, o monte de Santa Tegra, Tomiño, O Rosal e ata Tui. Un privilexio do que gozar nun día de pouco vento porque cando sopra, alí faino con forza. Para os camiñantes deixamos unha ruta a pé dende o centro de Vilanova de Cerveira, pero os que soamente queiran ir en coche é un lugar perfectamente accesible e sinalado. Dende o centro debe tomarse a Avenida da Liberdade e tomar o cruce pola empinada estrada da Serra da Encarnaçao.
Ademais do cervo de metal e as súa panorámica sobre o val do Miño, uns metros máis arriba o visitante poderá observar unha lagoa de orixe glacial, non excesivamente grande, pero si de gran beleza entre os cumios de granito. É unha sorpresa atopala alí arriba, case no máis alto do monte.
Restaurante O Casebre
Na estrada que une Valença con Vilanova, en dirección á vila dos cervos, atópase á beira da estrada o Restaurante O Casebre. O nome é algo así como ‘cuchitril’ e ten certo senso. O comedor non ten luxos na decoración. as mesas son barateiras e igual leva uns trinta anos sen reformar. Pero ten o encanto da boa atención e da tradición das terras do sur do río Miño, tanto nos elementos físicos como na carta e na cociña. Prezos de risa, con menú do día ou pratos por menos de dez euros, incluso menos de oito se non optas polo viño verde. Por suposto, o ‘frango’ grellado, o bacallao ou a pescada están acompados da guarnición correspondente de patacas, arroz e ensalada. Tamén teñen sobremesa para tódolos gustos e non recomendables para gardar a liña. É a recomendación para encher o bandullo nunha viaxe polos proximidades de Vilanova de Cerveira.