Considerada unha das mostras culturais máis relevantes do mundo, a 59 edición da Bienal de Venecia, que se desenvolve ata o mes de novembro nesta cidade italiana, conta por primeira vez cunha exposición dedicada ás obras NFT, creacións dixitais ás que se lle asigna un certificado dixital de autenticidade a través dunha serie de metadatos. Trátase da mostra ‘O tempo das quimeras’ do Pavillón Nacional de Camerún, que propón un diálogo entre as obras de creadores deste país africano e artistas internacionais, como a profesora da Facultade de Belas Artes Marina Núñez, que está presente por primeira vez no programa oficial desta Exposición Internacional de Arte de Venecia con ‘Sin piel’, unha colección de 30 vídeos que se insire na parte dixital da exposición promovida por Camerún na súa primeira participación na bienal.
“É unha exposición internacional moi respectada e multitudinaria, de modo que me alegra moito tanto o prestixio como a visibilidade que trae asociadas” recoñece da súa selección para esta mostra esta artista e docente, que o pasado ano protagonizaba unha exposición individual no Museo Thyssen-Bornemisza. A obra de Núñez estará presente en Venecia por segunda vez, despois de que en 2001 formase parte dun dos eventos paralelos da bienal, patrocinado polo Goberno de España. Nesta ocasión, faino como parte do programa oficial do evento, tras ser unha dos 23 artistas internacionais seleccionados por Emmanuel Paul Loga Mahop e Sandro Orlandi Stagl, comisarios de ‘O tempo das quimeras’, para un proxecto que se insire no conxunto de exposicións que albergan os pavillóns nacionais de máis de 25 estados que se suman nesta programación á exposición central da bienal.
A primeira mostra de NFT na historia da bienal
En consonancia coa temática proposta pola comisaria Cecilia Alemani para a exposición central, que pon o foco na representación dos corpos e as súas metamorfoses e na relación entre os individuos e as tecnoloxías, a mostra na que Núñez e Miguel Soler son os únicos representantes españois combina en dúas sedes unha selección de obras físicas e outra de creacións virtuais. Nesta segunda, que pode visitarse Palazzo Ca´ Bernardo, atópase ‘Sin piel’, unha colección de 30 vídeos que constitúe a segunda incursión de Núñez no mundo dos NTF, tras as cinco obras da serie ‘Simbiosis’ que ata finais de abril puideron verse na exposición do mesmo nome que acolleu a galería La Gran de Madrid.
Nese senso, desde esta galería destacan que “máis aló do valor autentificador e do encriptado das imaxes e da transparencia das transaccións avaladas por smartcontracts”, este tipo de obras estanse a converter “nunha ferramenta de visualización, valoración e promoción da arte dixital, que é o medio natural de Marina Núñez”. A este respecto a artista recoñece que no marco dunha forma de arte “que xa non é algo novo”, posto que “calquera obra creada por completo ou en parte coa axuda de calquera software, xa é arte dixital”, os NFT achegan novidades como “a firma do artista, o contrato que rexistra as sucesivas transaccións da obra, novos públicos, un mercado online internacional, comunidades creadas en torno a esas obras e artistas, formas diferentes de consumo ou exposición das obras…”, constituíndo unha nova “estrutura ou escenario” para a arte dixital. Nese senso, Núñez incide na súa «sensación de que hai moitas persoas que estaban lonxe do mundo da arte contemporánea e que se mostran agora moi interesadas en ver e posuír imaxes”, a través destes mercados NFT. “A maioría delas non son nin pretenden ser arte, pero é unha espazo que agardo que progresivamente vaia enchéndose de contidos e formalizacións de máis calidade”, sinala a profesora do Departamento de Pintura.
Como “unha colección de 30 vídeos únicos, nos que a pel das mulleres protagonistas axítase, ténsase, desaxústase, cunha inquietude que acaba por facer que o rostro estalle para revelar un interior fluínte de aspecto cósmico” presenta Núñez a creación que exhibe na Bienal de Venecia. Faino nunha exposición na que, segundo informou a galería La Gran, ten como “concepto central” o diálogo “sobre soños realizables e utopías posibles” de artistas cameruneses e internacionais. “En toda a miña produción abondan os monstros e os híbridos, ou os monstros híbridos, como a Quimera”, lembra Núñez, que presenta nesta serie de vídeos figuras que ocultan tras a pel “un interior diferente ao anatómico, un fluxo de partículas que quere expandirse”. Nese senso, esa idea da utopía que se articula na exposición vincúlase cunha proposta artística no que a pel é representada “como un límite, como unha fronteira que constrinxe, que impide unha relación próxima ou incluso simbiótica coa contorna”, sinala artista.