As partes elaboraron un calendario de traballo que se inicia co encargo do proxecto de ampliación por parte da propia Conxemar. A entidade proporciona o documento e o Concello de Vigo solicitará á Xunta de Galicia á chamada ‘lei Vigo’ –Ley 3/2016- que faga posible o cambio de uso do solo, propiedade da Comunidade de Montes na súa práctica totalidade.
Posteriormente, o Concello acudirá á vía da negociación -como aconteceu na última ampliación- ou da expropiación forzosa para facerse con eses terreos comunais e cedelos ao Goberno autonómico para que licite e execute a obra.
Segundo o acordo adoptado, o Concello asumirá o custo da consecución dos terreos e emitirá o informe sobre as alegacións presentadas ao proxecto na exposición pública. Caballero comprometeu máxima celeridade con todas as xestións. A ampliación permitirá a Conxemar dispoñer duns 5.000 metros cadrados máis no Instituto Feiral de Vigo.
Cómpre lembrar que esta mellora do espazo vén dada pola demanda dos dirixentes da feira. A súa petición foi ben recibida pola administración local e pola Xunta.