O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo abordará este venres a incoación dun expediente de extinción da concesión administrativa do antigo estaleiro Vulcano, rebautizado como San Enrique. Así figura na orde do día da reunión, prevista para as 09.30 horas, tal e como desvelou este martes a CIG, que criticou duramente ao PP por “insistir na súa ofensiva contra sector naval”.
Dende a central sindical opóñense de xeito rotundo a esta decisión porque entende que “suporá impedir o desenvolvemento dun novo proxecto industrial impulsado pola empresa Marina Meridional e constitúe o primeiro paso para desmantelar o estaleiro e destinar a concesión a usos loxísticos”.
“Na estratexia suicida que promove a política industrial do PP queren substituír un estaleiro centenario, que ten sido un dos principais puntais dun sector estratéxico para Vigo e para toda Galiza, como é a construción e reparación naval, para gañar uns poucos metros máis de superficie para contedores”, censura o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.
Por iso quixo deixar moi claro que “a CIG non vai permitir que acaben afundindo o naval”, polo que anuncia que a central sindical vai reclamar a retirada deste punto da orde do día do consello de administración da APV, ao tempo que esixirá un compromiso “firme e inquebrantábel” coa continuidade do estaleiro.