O Concello está a vulnerar o dereito de folga ao obrigar a FCC, compañía que se encarga da recollida do lixo, a realizar tarefas de limpeza no interior do consistorio, segundo denunciou a CIG este martes. Por outra banda, a representación sindical está a estudar presentar un recurso contencioso administrativo contra os servizos mínimos impostos polo goberno local ao entender que vulneran tamén un dereito fundamental como o de folga.
O sindicato nacionalista informou de que a folga indefinida iniciada este luns na limpeza da dependencias municipais do Concello de Vigo para denunciar os incumprimentos laborais da empresa e reclamar un convenio colectivo digno está a ter un seguimento total por parte das empregadas de Urbaser, que aproveitan a convocatoria para desenvolver mobilizacións diarias diante do consistorio.
Diante disto, lamenta o sindicato, o Goberno local intentou dende o primeiro momento boicotear a convocatoria, primeiro impoñendo uns servizos mínimos que o comité considera ilegais, xa que inclúen a integrantes do propio comité de folga. O listado das persoas que integran os servizos mínimos elaborado pola empresa vai tamén no mesmo sentido ao poñer sempre as mesmas traballadoras, en lugar de facelos rotatorios, e ao cambiar persoal de centro de traballo. En consecuencia, os servizos mínimos foron denunciados diante da Inspección de Traballo, ao tempo que se está a barallar presentar un recurso contencioso administrativo nos xulgados.
“No día de hoxe o Concello deu un paso máis na súa estratexia para deixar sen efecto as accións reivindicativas do persoal e obrigou a concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria a realizar tarefas de limpeza no interior do consistorio”, explica a CIG nun comunicado. Deste xeito, traballadores de FCC desenvolveron as funcións propias dos de Urbaser “escoltados pola Policía local, tanto durante a noite como a primeira hora da mañá”, indica.
Dende o comité censuran o que consideran unha clara vulneración do dereito de folga e anuncian que presentarán a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo. Ao igual que aconteceu durante a mañá desde martes, as traballadoras desenvolverán protestas diarias diante do Concello mentres dure o conflito laboral polos incumprimentos da empresa e en demanda dunhas condicións laborais dignas, explican desde a CIG, sindicato maioritario no comité de empresa de Urbaser.