De feito, segundo a CIG, o presidente da multinacional, Carlos Tavares, ingresou 6,7 millóns de euros en 2018, o que supón máis de 18.000 euros diarios, mentres que o propio Bueno percibe arredor de 200.000 euros anuais, case 550 euros diarios. O salario de Tavares foi fortemente contestado polos sindicatos franceses e polo propio Goberno galo, tendo en conta que o Estado francés é accionista da compañía.
Para a CIG-Citroën, as manifestacións de Ignacio Bueno son unha “falta de respecto” a “un cadro de persoal que padece unhas condicións laborais de precariedade (baixos salarios, postos de traballo irrealizables, ERE, sen cobrar os días de parada, ou mesmo producindo, como no caso da quenda de fin de semana, etc)”. Diante disto, demándanlle que afronte as súas responsabilidades e remate con esta situación, “en lugar de utilizar os medios de comunicación para transmitir que os traballadores do centro de Vigo non temos dereito a salarios que cubran as necesidades básicas para chegar a fin de mes”.
Estas críticas súmanse ás vertidas nos últimos días polos sindicatos CUT e CCOO, que tamén amosaron o seu enfado coas declaracións feitas polo director da factoría o pasado venres nun foro empresarial. Nesa comparecencia, Bueno afeou que as empresas auxiliares paguen máis que a propia Citroën aos seus empregados. Na CIG entenden que o que lle debería preocupar é “ser director dunha fábrica principal da automoción cuxos empregados se atopan en situación de precariedade con respecto ao persoal das auxiliares”.
Ao mesmo tempo, reiteran que o único xeito de rematar coa problemática que padece o cadro de persoal “é sentarse e escoitar os seus representantes legais”, polo que o instan a abrir unha mesa de negociación.
Finalmente, sinalan que se Bueno quere falar sobre os traballadores e as súas condicións laborais o faga sen recorrer a declaracións “humillantes e ofensivas” e invítano a que dea exemplo e que anuncie que se vai adxudicar un salario de 17.000 euros ao ano, “que é o que cobra calquera persoa que comezou a súa vida laboral en Citroën canda el”.