Delegados da CIG de diferentes sectores manifestáronse este mércores dende o estaleiro de Barreras ata a delegación da Xunta en rexeitamento á represión sindical exercida pola empresa, esixir a readmisión do delegado no comité, Rafa Pérez, e para demandar unha solución industrial que «garanta o futuro dun estaleiro» imprescindible para o sector naval de Vigo.
A marcha forma parte das mobilizacións que a CIG vén realizando periodicamente dende que Barreras despediu «de maneira inxusta e ilegal» ao delegado despois dunha acción simbólica desenvolvida pola central nacionalista nas instalacións para reclamar carga de traballo e «unha solución á grave crise que atravesa o estaleiro».