A CIG anunciou este martes, tras ter coñecemento do seu contido, que non asinará o ERTE presentado por PSA Peugeot Citroën na súa fábrica de Vigo tras a paralización da actividade como consecuencia da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus. Dende a sección sindical da central denuncian que a regulación temporal de emprego non vén acompañada de medidas que permitan compensar a perda salarial, que será do 20%.
O ERTE que lle pretende aplicar Citroën aos seus 7.453 traballadores aplicarase desde o 17 de marzo e contempla o abono do 80% dos soldos e das pagas extras mediante unha mellora voluntaria da empresa. Mentres, no caso das vacacións serán do 100%. “Isto suporá unha importante perda de poder adquisitivo por parte do cadro de persoal, a pesar dos millonarios beneficios obtidos polo grupo no último exercicio”, apunta o sindicato.
Diante disto, dende a CIG-Citroën critican a “falta de responsabilidade social” da dirección nun momento en que “todos estamos a loitar contra unha pandemia que paralizou todo o Estado español”. Sinalan que practicamente a diario se coñecen casos de empresas e sectores que ou ben aportan medios ou ben aplican medidas de acompañamento que permiten paliar a perda salarial do seu persoal. “Semella que as persoas que se atopan á fronte de PSA só entenden a solidariedade nunha dirección, a de cumprir os seus obxectivos co menor custe económico posíbel”, critican.
Neste senso, sinalan que outros fabricantes de automóbiles que teñen plantas no Estado están a aplicar de media unha compensación salarial do 85-90%, sendo do 100% no caso das pagas extras, “o que impide que a clase traballadora sexa penalizada aínda máis por esta situación”.
Finalmente, lamentan que a dirección de PSA non teña máis en consideración aos seus empregados, “xa que semella que non poden facer un esforzo por eles cando, pola contra, sempre se nos esixen sacrificios tanto cando a empresa vai mal como cando obtén resultados históricos”.