O sindicato paralizou as obras por segunda vez e abandonou a protesta tras o principio de acordo coa compañía, que manterá xuntanzas co sindicato para rematar coas irregularidades en materia de xornada, horarios e salarios.
Representantes da federación de construción da central nacionalista lograron o principio de acordo coa empresa despois de manter paralizadas os traballos no edificio Bandeira durante máis de catro horas. Un grupo de delegados sindicais, traballadores e parados do sector accedían pasadas as 10.00 horas ao lugar das obras para explicarlles aos operarios os motivos da protesta, igual que acontecera o pasado día 23.
Segundo as mismas foentes, ao pouco presentáronse no lugar varios axentes da Policía para obrigalos a abandonar o recinto, desaloxo que se produciu sen incidentes. Con todo, os traballos permaneceron parados sen que a quenda da mañá regresase aos seus postos. Dende a CIG-Construción explican que tras varios contactos coa empresa lograron arrincarlle un principio de acordo polo que a compañía se compromete a cumprir o convenio provincial do sector e non traballará até o 7 de xaneiro.
«Hoxe unicamente volverá ao traballo a quenda de tarde a partir das 15.00 horas, e só con 17 persoas para rematar as labores de formigonado, e non van traballar venres, sábado nin luns», indican. Ao mesmo tempo, a construtora comprométese a manter unha xuntanza coa central entre o 7 e o 8 de xaneiro para rematar coas irregularidades en materia de xornada, horarios e salarios.