Os representantes da federación de Saúde da CIG e do comité de empresa de Povisa ofreceron unha rolda de prensa para amosar a súa posición contraria ao anuncio que vén de facer a dirección do hospital vigués segundo o que nos vindeiros días presentará un ERE e modificará substancialmente as condicións de traballo do cadro de persoal.
Dende a central nacionalista explican tras a comunicación da empresa a semana pasada, este mesmo luns tivo lugar a constitución da mesa negociadora, mentres que para o xoves está prevista a primeira xuntanza coa empresa, «onde se supón que xa nos van trasladar pos detalles do ERE e das modificacións das condicións de traballo».
A presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, criticou o feito de que a decisión chegue catro meses despois de que asinasen un concerto co Sergas «que teoricamente garantía a estabilidade económica e laboral» e que se produza cando a empresa vén de obter 11 millóns de euros de beneficios e aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade entre os anos 2005 e 2008.
«E isto a pesar de que o centro tivo redución de pacientes, pois segundo nos confirmaron (sen aportar datos) a mediados de decembro solicitaran o cambio de hospital un total de 4500 persoas», indica. Segundo manifestou, detrás destes abandonos agóchase o feito de que a xente está a percibir a precariedade coa que os traballadores/as do centro teñen que desenvolver o seu labor.
Diante disto, adiantou que a central oporase ao ERE á modificación das condicións e fará todo o posíbel porque finalmente non se cheguen a aplicar «xa que consideramos que o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que os novos/as traballadores/as entren en peores condicións».