A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a súa Oferta Pública de Emprego (OPE) para este ano 2020 cun total de 34 prazas, das que 20 cubriranse polo sistema de oposición libre e as restantes 14 corresponden a promoción interna. O deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda, Carlos Font, destacou que Oferta xa está publicada nos boletíns oficiais e completa un proceso de axilización en materia de emprego público emprendido na institución provincial que pasa pola convocatoria en marcha de tódalas prazas pendentes de anos anteriores.
A Oferta inclúe unha praza de técnico A1, 5 de Administrativo C1 e 3 de Auxiliar C2 na Escala Administrativa. Unha das prazas de auxiliar está encadrada na quenda reservada a persoas diversidade funcional. Nas Escalas Especiais hai dúas prazas de enxeñeiro/a de Camiños A1, unha de técnico/a de Deportes A2, unha de técnico auxiliar de Educación nocturna C1, dous de de técnico auxiliar de Educación diúrna C1, unha de técnico auxiliar documentalista audiovisual C1, unha de técnico de Protocolo C1, unha de oficial de servizos xerais C2, unha de condutor/a operador/a de maquinaria agrícola C2 e unha de oficial/a de comedor C2.
Font destacou o cumprimento do Plan de Estabilización aprobado pola Deputación en 2018, só meses despois do II Acordo Goberno de España-Sindicatos sobre esta materia. En virtude disto, tódalas prazas aprobadas convócanse nun período máximo de tres anos. Así, ao longo deste ano 2020, a Deputación vai celebrar un total de 118 procesos selectivos para a cubrir un total de 257 prazas correspondentes ás OPE de 2017, 2018 e 2019, obrigando a un gran despregue de traballo nos servizos de Persoal. A Deputación está a contar para a configuración dos tribunais con persoal funcionario ou laboral fixo da propia Deputación, os concellos de Pontevedra e Vigo e tamén da Universidade de Vigo, ademais de, en menor medida, dos concellos de Vilagarcía e Poio. Por motivos de seguridade, diante da pandemia, as probas con ata 10 aspirantes estanse celebrando no salón de actos do Edificio Administrativo, as máis numerosas no salón de actos do Museo e, cando é preciso, no edificio da Escola de Cantería. Se o número de aspirantes supera os 60 utilízase o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). A maiores, as persoas diagnosticadas con covid19, as que estean en illamento ou corentena ou as que teñan síntomas compatibles teñen o dereito, en función do principio de igualdade no acceso ao emprego público, de solicitar unha segunda convocatoria. Unha opción que, ata o de agora, utilizaron catro aspirantes.
Carlos Font explicou que a Deputación ten recibido un total de 5.572 solicitudes para estas 257 prazas en proceso de selección ao longo deste ano. Isto significa que hai unha media de 22 solicitudes por praza. Porén, explicou, cinguíndonos tan só ás prazas por Oposición Libre, o número medio de aspirantes por praza está próximo ás 60 solicitudes por praza. A maiores téñense recibido 969 solicitudes para as 19 prazas de funcionario/a interino/a, o que significa 51 solicitudes por cada praza desta modalidade. O deputado destacou a transparencia da Deputación nesta materia, con toda a información dispoñible na sede electrónica do portal web www.depo.gal, onde é posible realizar tódolos trámites sen desprazarse.
Atendendo á ratios de renovación do cadro de persoal da Deputación, Carlos Font estima que se producen anualmente unhas 25 baixas en nómina, ben por xubilación, incapacidade permanente, baixa voluntaria ou falecemento. A Deputación cubre o 100% das baixas, é dicir, convoca un mínimo de 20-25 prazas anuais. O deputado de Réxime Interior destacou que a cifra de 34 prazas deste ano (20 por quenda libre) encaixa nestas cifras, pero xa anticipou que a Oferta Pública de Emprego de 2021 crecerá ata as 66 prazas para cubrir os déficits detectados nalgúns servizos. Tendo en conta estas previsións, a Deputación cubrirá un total de 273 prazas sumando ás que están en proceso durante este ano as ofertas de emprego público de 2020 e 2021.
Na Deputación traballan actualmente 1.202 persoas, das que 718 son funcionarios/as de carreira, 213 laborais fixos/as e, finalmente, outros 271 son postos correspondentes a traballadores/as temporais.