A Deputación de Pontevedra vén de lanzar o Plan Reactivación, unha iniciativa que dá continuidade e un novo impulso ao Plan Activamos, aplicado nos últimos anos para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia ao través da concesión de financiación en condiciones preferentes a diferentes colectivos.
A través deste programa, póñense ao dispor dos beneficiarios -a través da entidade Abanca- diferentes produtos financeiros deseñados para dar resposta ás necesidades das familias, as pemes, as persoas autónomas, e as corporacións locais. A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.
No caso das pemes e autónomos o plan presta atención ás necesidades de financiamento a curto prazo. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise do Covid-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.
Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica, e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.
Desde a súa creación, baixo a denominación de Plan Activamos, a iniciativa inxectou máis de 272 millóns de euros para apoiar a familias, autónomos, empresas e corporacións locais. En 2019 o tecido socioeconómico da provincia de Pontevedra recibiu financiamento por un importe de case 52 millóns de euros. En total realizáronse máis de 2.000 operacións de financiamento cun importe medio de 25.400 euros. Os principais destinatarios do financiamento concedido foron as pemes e persoas autónomas, que protagonizaron o 96% das operacións realizadas.
Sinatura
No acto de firma telemática participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Negocio Institucional de Abanca, Santiago Novoa, e deuse a coñecer a principal novidade deste ano: a posta en marcha dun capítulo dedicado especificamente a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria xerada polo Covid-19 sobre as empresas e as persoas autónomas da provincia.
A presidenta provincial subliñou a nova liña de financiación destinada a favorecer ao sector socioeconómico “que necesita tanta axuda nestes tempos nos que temos que adquirir compromisos, cada un nas súas competencias. Cando falamos de actividade económica estamos a falar de emprego, sinalou Carmela Silva, polo que calquera medida que favoreza a saída desta crise merece o noso apoio”.
Pola súa banda, o Director de Negocio Institucional de Abanca, Santiago Novoa, explicou que “a renovación desta alianza estratéxica coa Deputación de Pontevedra permítenos apoiar ao tecido socioeconómico da provincia a través da aportación de crédito en condiciones vantaxosas. Neste momento de especial dificultade que están a vivir as pequenas e medianas empresas como consecuencia do Covid-19, esta oferta lles permitirá atender necesidades de financiación, competitividade ou dixitalización”.