O persoal do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo decidiron desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado día 18 de abril tras o acordo de convenio pactado coa empresa Urbaser.
As súas principais reivindicacións eran ter unha xornada de 35 horas á semana, unha cuarta paga extraordinaria, seguir mantendo a antigüidade en trienios ao 5% do salario base, e un incremento económico digno. Segundo informou a CIG, nos últimos días se mantiveron varias reunións con Urbaser e a última delas rematou cunha proposta de convenio (que levaba caducado dende 2021), que foi aprobada por maioría.
Este novo marco terá vixencia ata o 31 decembro de 2024 e recolle incrementos do 19,5% repartidos na redución de xornada a 35 horas a semana, media hora de redución por cada ano de vixencia (desta redución saen beneficiadas todas as que teñen contratos a tempo parcial, polo que terán máis subida salarial).
Igualmente, contempla unha cuarta paga completa con antigüidade, oito días de libre disposición, unha revisión salarial en 2024 con carácter retroactivo e outros aspectos do convenio de contido social xa pactados anteriormente, como son o plan de igualdade, lactación etc.
A federación de servizos da CIG salientou o “gran traballo” feito por todo o persoal, a súa “solidariedade” e “valentía”, demostrando que “a loita é o único camiño para conquistar melloras económicas e sociais”. O sindicato denunciara desde o primeiro día de folga a existencia de servizos mínimos abusivos ditados polo Concello de Vigo, que lle pediu a FCC que limpara a lonxa da casa consistorial. “Durante 10 días, todo o persoal aguantou as presións, non só da empresa senón tamén do propio Concello, sen decaer en ningún momento”, asegura a CIG.