Trátase da primeira de dúas xornadas de folga convocadas polas centrais CIG, CUT, UGT e USO para reclamar uns convenios colectivos «dignos e rexeitar a precarización das condicións laborais». Coincidindo co paro, centos de empregados concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas dos centros de traballo que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela.
A CIG informou de que a totalidade dos traballadores de Nueva Pescanova secundaron a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos sindicatos maioritarios na empresa (CIG, CUT, UGT e USO) para «rexeitar o bloqueo das negociacións do convenio e reclamar unhas condicións laborais dignas». O persoal da compañía de alimentación permaneceu dende as 5.30 horas concentrado diante dos centros de traballo que a empresa ten no Porriño e Chapela.
Os empregados teñen previsto regresar ás portas da empresa a partir das 13.30 horas, para que a súa presenza coincida coa entrada da quenda de tarde, e ás 21.30 horas, xa que media hora despois dará comezo a quenda de noite.
As mobilizacións da mañá estiveron vixiladas por un importante despregue da Policía, especialmente nas inmediacións da fábrica de Chapela, á que unicamente accedeu persoal de oficinas. Neste punto concentráronse a mioría dos traballadores, que mesmo depregaron unha faixa e berraron consignas. No caso do Porriño a presenza de axentes -neste caso da Garda Civil- foi moito menor.
O seguinte día de paro está fixado para o vindeiro martes 21, mentres que a intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.