“Esta provincia ten futuro porque hai xente dinámica coma vós, con mirada igualitaria, sostible e local, que cre nos seus soños”. Carmela Silva presumiu este luns do músculo emprendedor da provincia no showroom empresarial organizado na nova sede de Vigo. Con esta iniciativa, na que participaron 20 empresas asesoradas polo servizo da institución SmartPeme, marcouse o arranque da actividade na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.
Acompañada polas asesoras e asesores de Smartpeme de todas as oficinas da provincia, a presidenta subliñou que “queríamos que o primeiro acto desta nova sede da Deputación en Vigo estivera ligado á economía, ás emprendedoras e emprendedores”, asegurou Carmela Silva. Deste xeito, a presidenta provincial enxalzou que “na nosa provincia hai moitas ideas innovadoras que responden ás novas demandas da sociedade e o fan cunha mirada sostible, tan importante para o noso planeta”. Xunto á sustentabilidade, Silva tamén destacou que se están a impulsar proxectos “ligados á terra, con materia prima da nosa provincia e localizadas tamén aquí” e que na súa maioría “levan nome de muller”. Ao respecto, Silva destacou que “non fai moito tempo que as mulleres comezamos a ser emprendedoras e empresarias, xa que non tiñamos os recursos e apoios necesarios para poder facelo. Tan pronto nos dan unha mínima oportunidade, este é o resultado”.
A presidenta da Deputación agradeceu a participación no showroom do alumnado de FP dos centros San Miguel e Daniel Castelao e aproveitou para facer fincapé na importancia da Formación Profesional. “Vivimos nun país no que non se lle deu demasiada relevancia á FP, que entendeu que os estudos relevantes eran os universitarios e isto é un gran erro. Non hai máis que mirar cara Alemaña, onde a FP si ten un peso relevante, para ver a súa importancia para capacitar e poñer en marcha iniciativas empresariais”. Neste eido, Silva aproveitou para reivindicar a necesidade de “darlle un pulo á FP no noso país, e poñela como unha das grandes saídas laborais e profesionais da nosa mocidade”.
Proxectos
En total, presentáronse en Vigo proxectos como “Rara Avis” tocados; “Romeli” xoias personalizadas; “Las creaciones de Helena”, de paraugas pintados a mán; “Dragonfly”, drons para proxectos audiovisuais; “Las flores de Rita”, flores preservadas e decoración; “Trigo y limpio”, trigo de cultivo propio; “Casa O millón”, vivenda turística en Cangas; “Sabor&Mesa”, blogue e obradoiros de cociña, “Broderie”, complementos feitos a man; “Miscelánea events”, axencia de eventos”; “Miseguroonline”, aseguradora en liña; “Niri Rodríguez”, fotografía; “Casal de Flores”, adega de albariño, “Rebulidoiro”, produtos ecolóxicos; “Amarelas”, turismo e proxectos lúdicos”; “Xacobleas”, obleas naturais e artesás; “Miolos design”, artesanía minimalista; “Do gaiteiro”, galletas e granolas artesanais; “La mariquita de azúcar”, elaboración de marmeladas artesás; e “Muchachicha”, de roupa interior e exterior ecofeminista.
Todos eles asesorados por técnicas e técnicos de SmartPeme, un proxecto da Deputación que desde o ano 2016 presta asesoramento tecnolóxico para mellorar a competitividade de pemes, persoas autónomas e emprendedoras. A idea da iniciativa, tal e como destacou a presidenta, “é que as novas tecnoloxías poidan ser un instrumento para que as ideas se convertan en realidade e os proxectos en negocios rentables, que permitan o seu mantemento e a creación de emprego”. Deste xeito, Carmela Silva recordou que a oficina de SmartPeme en Vigo, que a partir de agora estará situada na primeira planta da nova sede de Vigo en Eduardo Chao, ten atendido dende o 2016 1.000 consultas, máis de 200 empresas e organizáronse 234 obradoiros nos que participaron preto de 2.000 persoas.