A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou este mércores en Vigo que as obras de ampliación do Ifevi, que acaban de comezar cun investimento de 7,6 millóns de euros, arrancan co compromiso de estar preparadas para albergar eventos de referencia internacional despois do verán.
Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou o inicio das obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo. Tamén estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o director da Axencia Galega da Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o presidente de Conxemar, José Luis Freire. A titular de Infraestruturas e Mobilidade adiantou que a mediados de setembro estará rematada a envolvente do edificio para dispoñer provisionalmente de superficie expositiva que garanta a acollida de eventos como Conxemar, Navalia ou Mindtech.
Os obxectivos da actuación son incrementar a competitividade das instalacións, consolidar o recinto feiral como o de maior capacidade de Galicia e situar á cidade de Vigo como referente para exposicións de primeira orde. As obras suporán a ampliación deste recinto feiral en 5.500 metros cadrados. Trátase da ampliación na zona traseira do pavillón 3, que é o que, pola súa amplitude, as súas características especiais de anchura e altura, mellor se adapta aos usos previstos.
A realización destes traballos permitirá contar cunha nova superficie construída de 6.500 m², dos que 5.500 m² son de ampliación e uns 1.000 m², se corresponden coa reforma do edificio existente. A zona de ampliación estará conectada ao pavillón actual e na área máis próxima a esa unión disporanse os servizos necesarios para ambos os dous pavillóns: aseos, camerinos ou instalacións eléctricas e calefacción.
Por outra banda, Ethel Vázquez lamentou os problemas que están a sufrir as persoas usuarias do Ifevi para chegar ao recinto feiral. Os atascos foron sempre unha constante durante eventos como Conxemar. Retencións que se están a replicar nas últimas semanas con motivo da vacinación masiva contra a Covid-19 que se está a desenvolver en Cotogrande. Tamén aconteceron cando se organizou un gran cribado na poboación de Vigo e a súa contorna.
As ringleiras para acceder prodúcense tanto na AP-9 como na VG-20, de competencia estatal. Do mesmo xeito, a Avenida do Aeroporto sofre estes atascos. Así pois, a conselleira pediu ao Goberno de España e ao Concello que resolvan estes problemas para garantir uns accesos “acordes” con un recinto referencial en Galicia.