A Xunta de Galicia facilitará a reactivación de autónomos e pemes a través das axudas que impulsan a instalación de medidas de protección para traballadores e clientes. Con este obxectivo, o Goberno galego destina 16 millóns de euros ao programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, co que busca facilitar a volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores.
O plan, no que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo; e Infraestruturas e Mobilidade, achegará apoios inmediatos a máis de 27.000 establecementos galegos dos sectores do comercio, turismo, servizos e transporte para facilitar a súa volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores no novo contexto económico.
As iniciativas subvencionadas poden ser novas ou estar xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. Mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados, poderán solicitar estes apoios autónomos e pemes do sector comercial, turístico, dos servizos e do transporte.
O obxectivo das axudas é cubrir os gastos realizados para a adquisición de medios de protección e hixiene para o persoal e clientes do establecemento, así como medidas de reforzo de limpeza e de desinfección dos locais; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.
Establecementos comerciais.
Para os establecementos comerciais achegará axudas directas aos comercios de proximidade e perruquerías de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 financiando o 100% das medidas activadas, a partir dun mínimo de 300 euros ata un máximo de 1.200 euros. Para facilitar a xestión, os solicitantes –ao igual que os potenciais beneficiarios vinculados ao sector servizos– terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial.
Pemes de menos de 50 traballadores
A Xunta tamén ofrecerá apoios directos do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores, tanto do terceiro sector como do comercio, nas accións de seguridade precisas, desde un mínimo de 1.500 euros de investimento ata un máximo de 3.750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables tamén inclúen a formación específica das persoas para aplicar protocolos e prácticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias e os custos relacionados coa obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á covid-19.
Industria turística
O turismo e a hostalería poderán optar a esta nova iniciativa da Xunta coa que se busca a reactivación da economía galega tras a covid-19. Neste caso en concreto, e no marco do programa Galicia destino seguro, as axudas da Consellería de Cultura e Turismo –que tamén nacen do diálogo e a colaboración cos distintos axentes desta industria– favorecerán a adaptación do sector á nova situación, promocionando a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade. En liña co resto de convocatorias, as axudas a establecementos de hostalería e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2, tamén cubrirán o 100% do investimento, ata 1.200 euros desde un mínimo de 300 euros.
O 80% do investimento
Os apoios ás pemes de menos de 50 traballadores acadarán o 80% dos investimentos realizados, desde un mínimo de 1.500 euros ata un máximo de 3.750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros. Intégrase no Pacto por un destino seguro, en virtude do cal a Xunta e o sector turístico desenvolverán unha batería de accións en materia de seguridade sanitaria para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais.
Precisamente, no marco desta iniciativa, está previsto habilitar un teléfono de asesoramento que permitirá resolver as dúbidas neste eido formuladas por parte das empresas do sector. Ademais, este luns arrincou un plan de formación en materia de seguridade sanitaria impartido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais cunha oferta inicial de 50.000 prazas en 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás especificidades de cada subsector e cada área xeográfica.
Sector do transporte
En canto ao sector do transporte, poderán beneficiarse destas axudas os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros (agás o sector do taxi para o que se teñen
habilitado axudas específicas), o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre. Empresas e autónomos deste sector poden
ser potenciais beneficiarios de axudas de ata 3000 euros para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene.
Plataforma gratuíta de autodiagnóstico online
O programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros súmase á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online que vén de activar a Xunta, que xa está en
funcionamento e coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte as necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben
acometer. Dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, esta ferramenta achega as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con
diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Coa presentación das solicitudes para acollerse as axudas do programa, os solicitantes deben presentar o informe de
autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.