Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2021, recentemente pechados, prevén un investimento para a cidade de Vigo que ascende a 143 millóns de euros. As contas para o vindeiro ano recollen partidas para proxectos como a ampliación do Ifevi, con máis de 7,6 millóns de euros, ou o “impulso definitivo” á ETEA, con 3,7 millóns de euros para o desenvolvemento do Campus do Mar, 1,6 millóns para o novo pavillón para a práctica deportiva de actividades sobre rodas ou a residencia de maiores con 15 millóns de euros. Este mesmo luns publicouse no DOG a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-6.
O presuposto recolle fondos para proxectos xa en execución como a Cidade da Xustiza (9,4 millóns de euros), a estación de autobuses (10,2 millóns de euros), as obras de urbanización da ampliación de Navia (8 millóns de euros), o centro de saúde de Bouzas (1 millón de euros) ou o albergue de peregrinos (200.000 euros).
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, defendeu este luns que os orzamentos “teñen moi en conta ás persoas”. Segundo exemplificou, crecen as partidas destinadas a políticas sociais, que volven incrementarse un ano máis, chegando a superar os 61 millóns de euros. Un esforzo que permitirá, dixo, a construción dunha nova residencia de maiores con 150 prazas, converter a actual estación de autobuses nun centro interxeneracional e a creación dunha nova escola infantil na Cidade da Xustiza, unha vez queden rematadas as obras.
As contas contemplan asemade melloras nas infraestruturas das escolas infantís, máis prazas en residencias e centros de día de discapacidade así como nas residencias de maiores, melloras nas instalacións da residencia de Altamar e varias liñas de axudas aos colectivos máis vulnerables.
Especial fincapé fixo Fernández-Tapias nas inversións en materia sanitaria que engloban os 5,5 millóns de euros para a climatización do Meixoeiro, os 2,7 millóns para reformas en distintas unidades do Álvaro Cunqueiro ou os 3,1 millóns que se dedicarán á compra de equipamento electromédico. En total, 11 millóns de euros destinados a melloras nos hospitais de Vigo, aos que hai que sumar os 2 millóns de euros reservados para o centro de saúde de Bouzas e o novo CIS Olimpia Valencia.
En materia de vivenda, os orzamentos da Xunta para o 2021 apostan por un investimento que supera os 12,5 millóns de euros e que inclúe, entre outras partidas, 8 millóns para a construción de 1.600 vivendas en Navia de promoción pública; 3,8 millóns de euros para continuar co labor de rehabilitación no casco vello, que ve duplicado o seu investimento con respecto ao actual exercicio; e os 1,34 millóns que se destinan a rematar a construción das 62 vivendas de promoción pública que a Xunta está a finalizar nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas -a inversión en conxunto alcanza os 8,42 millóns de euros-.
Outras actuacións ás que fixo referencia Marta Fernández-Tapias foron os 1,5 millóns reservados para o transporte metropolitano; o millón de euros que investirá a Consellería de Medio Rural nos montes de Vigo, en cumprimento do convenio firmado coa mancomunidade de montes; a mellora do saneamento de Teis con 500.000 euros; o plan específico para a xestión das inundacións do Lagares con 310.000 euros; e melloras na mobilidade e seguridade viaria das estradas de titularidade autonómica ás que se destinan máis dun millón de euros.
Xa en materia educativa, dan continuidade, aseverou, á reforma iniciada do Instituto do Santa Irene con 600.000 euros, á ampliación dos talleres do CIFP Manuel Antonio con 300.000 euros e á ampliación do Valentín Paz Andrade con 50.000. Asemade, resérvase unha partida de 50.000 euros para nova sede do CGAC en Vigo.