Técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaban de proceder á recepción das obras de construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Plataforma Loxístico-Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), dando un paso máis cara a posta en funcionamento do parque empresarial.
As obras consistiron na construción dunha EDAR dimensionada para a primeira fase da Plisan pero preparada tamén para as ampliacións futuras previstas. Executouse un tanque de emerxencias, de 900 metros cúbicos de capacidade.
Ademais, realizouse a construción do acceso, duns 241 metros de lonxitude e cinco metros de ancho, a instalación do colector da entrada á depuradora, a acometida eléctrica, telecomunicacións e abastecemento.
Tamén se executou o colector de vertido ao río Miño das augas depuradas, con 464 metros de lonxitude e 400 milímetros de diámetro.
Como obras complementarias, instaláronse equipos de bombeo, implantouse un sistema de xestión de vertidos accidentais e realizáronse labores de recuperación da canle dun muíño próximo á EDAR.
O investimento realizado na construción desta infraestrutura, a súa posta en marcha e explotación supera os 4,31 millóns de euros.
Por outra banda, continúan a bo ritmo as obras de construción da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Plisan, licitadas polo IGVS e cuxo remate está previsto para finais de 2020, cun investimento de máis de 7,23 millóns de euros.
Con estas dúas obras garantirase o subministro de auga potable e o saneamento da Plisan, na que xa están rematadas as obras de urbanización da primeira fase e adxudicadas as primeiras parcelas a empresas que prevén iniciar proximamente a súa implantación na mesma.