Concretamente, adquiriu un 7,66% pertencente ao fondo Oceanwood, un 0,03% de MUFG Bank e un 5,91% que posuía BBVA. Con estas compras, Abanca eleva a súa participación na empresa pesqueira ata o 30,81% e multiplica por cinco a participación que tiña ao comezo de 2018.
O incremento da participación de Abanca en Nueva Pescanova durante este ano enmárcase na súa política xeral de «apoio á economía e a industria galegas, que está orientado á consolidación e crecemento de empresas e sectores claves», segundo explica a empresa.
Mediante o seu apoio a Nueva Pescanova, «contribúe a reforzar o complexo industrial relacionado co mar, no que Galicia é unha das comunidades punteiras a nivel internacional». Abanca destina a este conxunto de sectores (pesca, conserva e transformación, construción naval, etc.) un investimento crediticio total de 1.373 millóns de euros.