O Consello da Xunta aprobou definitivamente este venres o proxecto sectorial que fará posible a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTL), en Valadares, presentado polo Consorcio da Zona Franca. A entidade viguesa será a encargada do desenvolvemento do polígono para acoller o proxecto da multinacional sueca Ikea.
Con este trámite facilítase a ampliación desta área empresarial nunha superficie total de 252.484 metros cadrados, cunha edificabilidade máxima de 164.461 m2. A ampliación do PTL é posible grazas á modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobado o 29 de novembro, segundo informou a Xunta.
Na mesma modificaicón cambiouse a configuración da ampliación do PTL, que inicialmente estaba prevista en tres espazos descontinuos e pasou a formar un único espazo, eliminando parte dos inicialmente previstos e engadindo outros novos, co fin de mellorar o resultado final da ampliación. Con este proxecto incrementarase a concentración dunha serie de empresas de diversos sectores produtivos que contribuirán ao desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma e moi especialmente, da comarca de Vigo.
De feito, a zona de influencia da intervención excede os límites municipais da cidade, o que se traduce na existencia dun interese público xeral que foi precisamente o que motivou a súa inclusión entre as recollidas no Plan Sectorial e que se desenvolva a través dun proxecto sectorial.
Posición estratéxica
Os solos que van formar parte da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico sitúanse no termo municipal de Vigo, concretamente entre as parroquias de Beade e Valadares. O aeroporto de Peinador atópase a 10 km do ámbito, o Porto de Vigo a uns 8 km e a fronteira con Portugal a 26 km.
En canto ao emprazamento da área de expansión do PTL, ten unha posición estratéxica ao estar nunha situación privilexiada respecto ao viario que articula a área metropolitana viguesa. Deste xeito, conecta ao norte co segundo cinto de Vigo (VG-20). A menos dun quilómetro de distancia a VG-20 conéctase coa Autovía do Val Miñor (AG-57) e a uns 3 quilómetros do PTL atópase a ligazón coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), que á súa vez conecta coa Autovía A-55, que une Vigo con Portugal, e a Autovía das Rías Baixas (A-52), que comunica a cidade con Ourense – Benavente.