Varios milleiros de persoas participaron este sábado nas diferentes mobilizacións convocadas pola CIG, CCOO e UXT por toda Galicia para conmemorar o Primeiro de Maio. O secretario xeral da central nacionalista CIG, Paulo Carril, que participou na manifestación central, que tivo lugar en Vigo, fixo un chamamento a intensificar a loita obreira nas empresas e a mobilización social nas rúas para forzar “unha saída galega xusta da crise”.
Carril incidiu na necesidade de “facer valer políticas alternativas, que no caso do noso país veñen acompañadas de reivindicar o dereito de autodeterminación para termos capacidade de decidir como pobo galego o noso futuro e así contribuír á construción dun mundo baseado na solidariedade, na cooperación, na igualdade e na paz”.
Lembrou que a CIG leva meses mobilizándose para evitar que a clase traballadora sexa quen pague unha vez máis a crise económica, laboral, social e sanitaria, ao tempo que achegou unha serie de propostas para unha saída galega xusta, con medidas concretas que pasan por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, Creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos.
UXT e CCOO
Como xa é costume en Vigo, houbo dúas convocatorias. Por un lado, a mencionada da CIG e, por outro, a de UXT e CCOO. Nesta última participou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, quen “estamos nun ano moi complexo pola crise da covid e temos que reclamar e defender os dereitos dos traballadores e traballadoras, así como a necesidade de xerar emprego para evitar saír desta crise cun nivel de exclusión e de ruptura social que non podemos admitir”.
Homenaxe en Pereiró
Antes da manifestación, celebrouse o homenaxe que realizan anualmente os socialistas de Vigo xunto a UXT Vigo no cemiterio de Pereiró. No acto participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación Carmela Silva, e os secretarios xerais socialistas provincial e local, David Regades e Abel Losada, entre outros.