As autoescolas de Pontevedra estarán en folga o vindeiro mércores 26 de febreiro desde as 10.00 ás 13.00 horas e para visibilizar o seu conflito os traballadores marcharán por Vigo nunha manifestación rodada que sairá do Centro Comercial Travesía e continuará pola Travesía de Vigo, Gregorio Espino, Avenida de Madrid, Praza de España, Gran Via, Praza de América, López Mora, Camelias, Álvaro Cunqueiro e Regueiro.
A folga foi convocada por decisión asemblearia da sección sindical da CUT Autoescolas ante a “precariedade” que, segundo din, se está a vivir no sector con xornadas de traballo que comezan ás 08.00 e rematan ás 22.00 horas, cunha “ausencia absoluta do control da xornada”. Ademais, denuncian que as autoescolas pagan por clase dada e se non se presenta o alumno, os traballadores non cobran. Igualmente, quéixanse de que non existe un recoñecemento de enfermidades por risco laboral.
“Mantivemos contactos coa organización patronal máis importante da provincia, a Asociación Provincial de Autoescuelas de Pontevedra, sen que mostraran o máis mínimo interese en arranxar a situación, ata o punto de botarnos a nós a culpa de aceptar as condicións que nos ofrecen, é dicir, culpan da precariedade a quen a padece e non a quen a crea. Kafkiano”, apuntan desde a CUT.
O sindicato, ademais, advirte de que “este é o primeiro paso de outros que virán, e cada vez serán máis contundentes e firmes”.