Tras varios intentos de reunirse coas autoridades competentes a sección sindical da CNT no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar anuncia un endurecemento da presión na folga, que comeza de novo este próximo luns, día 3.
Dende o sindicato propoñen un calendario de accións e medidas de presión que pode ser ampliado segundo a propia vontade das traballadoras. Aseguran que no último mes o número de alcaldes, políticos de todas as cores, familias usuarias e artistas varios estanse solidarizando coas traballadoras do Consorcio, que denuncian un ERE de mulleres nun servizo claramente feminizado.
No Consorcio traballan aproximadamente 1.500 persoas, das que o 90% son mulleres, motivo polo que, pensan, están tendo un trato desfavorecedor á hora de convocar os procesos selectivos.
As traballadoras, que entraron en moitos casos hai 15 anos, alertan do desmantelamento encuberto do servizo. “O desmantelamento dos equipos de traballo afectará gravemente a servizos moi sensibles, por tratar directamente con grupos de poboación vulnerables, como o son a infancia e a terceira idade. A perda de capital humano é algo insubstituíble”.
A folga que comezara o día 5 de setembro, abrangue 15 días mensuais ata decembro; do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro. As traballadoras lembran que están abertas á negociación para igualar o Consorcio a outros entes instrumentais nos que dende as xerencias solicitaron a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio.
As reclamacións do persoal son a garantía dunha convocatoria única e específica, unha oposición non eliminatoria, que se contabilice formación impartida polo propio Consorcio, a retirada do concurso de traslados, unha baremación xusta na – que a experiencia contabilice o 90% e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.